Novo curso, Vellos problemas. Non se pode tolerar máis


08 Set, 2022

WEBNOVO CURSO, VELLOS PROBLEMAS. NON SE PODE TOLERAR MÁIS.

Un ano máis comezan as actividades lectivas dun novo curso escolar pero tamén, un ano máis, atopámonos cos mesmos problemas que ano tras ano arrastramos no sistema educativo galego e que a Consellería de Educación non é quen ou non ten vontade de nin sequera afrontar.

Nos últimos anos, desde a nosa Comunidade observamos con envexa como os compañeiros e compañeiras docentes doutras Comunidades Autónomas afrontan negociacións e melloras nas súas condicións de traballo e na calidade do ensino (redución de rateos, redución de horarios lectivos do profesorado, melloras retributivas, desdobres, profesorado de reforzo, atención á diversidade....) mentres en Galicia a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades parece obviar o resto das súas competencias e parece estar centrada exclusivamente no apartado da Cultura para ofrecer un Xacobeo que lle dese autobombo e publicidade aos nosos gobernantes esquecendo a parte da Educación como leva facendo desde hai anos. A Consellería non afrontou nos últimos cinco anos, e pese as reivindicacións constantes de ANPE, ningunha negociación para mellorar o máis mínimo aspecto das condicións económicas e laborais do profesorado galego.

Non se pode tolerar máis!!!.

Co comezo do curso escolar asistimos novamente, e como ven sendo habitual, ao mesmo discurso propagandístico, sesgado e interesado por parte da Administración Educativa galega. Se o curso comeza con máis profesorado, se o número de alumnado é menor, se o investimento é maior.......Afirmacións efectuadas utilizando de xeito intencionado os datos e os números no seu propio beneficio e para reforzar o seu discurso destinado a “convencer” ao público en xeral. Para iso, non teñen decoro ningún en falar de máis profesorado cando a realidade e os propios datos estatais o desmenten, en falar de menos alumnado e de menor rateo profesorado/alumnado usando datos de profesorado soamente do ensino público pero no caso do alumnado mesturando todo tipo de alumnado (do ensino público, do ensino concertado e do ensino privado). Información totalmente desvirtuada destinada a vender unha falsa realidade da situación do ensino público en Galicia; situación que todos nós e vós, como docentes, sabemos que non é certa e que non fai máis que agochar a verdadeira foto fixa da situación: supresión de unidades en centros públicos (especialmente no eido rural), potenciación da Formación Profesional no ámbito privado e concertado, menos profesorado en relación aos últimos 5 anos, carencias na atención á diversidade con diminución do profesorado especialista, carga burocrática que asfixia a labor docente, etc.....

Desde ANPE Galicia levamos anos denunciando esta situación e demandando negociacións efectivas para afrontar de xeito inmediato todas estas casuísticas atopándonos co muro de silencio da Consellería.

É o momento de dicir basta xa!!!. Por iso instamos novamente á Consellería a abrir de xeito inmediato negociacións para abordar cuestións que para nós son fundamentais para mellorar a calidade do ensino público e dos seus traballadores como son, entre outras non menos importantes: a redución das rateos en todas as etapas educativas, a redución do horario lectivo do profesorado para voltar ás 21 horas lectivas no corpo de mestres e ás 18 horas nos restantes corpos, redución da carga burocrática na labor docente.

Ademais destas cuestións que son liñas vermellas que deben afrontarse con carácter urxente, consideramos que deben tratarse outras cuestións, non menos importantes como poden ser: o cobro dos meses de verán para o persoal substituto que traballe máis de 5 meses e medio, o afrontamento da integración do profesorado do corpo de profesores técnicos de formación profesional no corpo de profesores de ensino secundario, melloras retributivas, potenciación da figura das titorías, a creación da figura da enfermería escolar, establecemento de plans de saúde mental do profesorado, etc.

De non iniciarse negociacións ou establecerse un calendario para as mesmas por parte da Administración, desde ANPE Galicia promoveremos mobilizacións do profesorado (tanto a nivel autonómico como a nivel estatal) polo que pedimos a colaboración e o apoio de todos vós como parte afectada. Contamos con vós!!

Pese a todas as circunstancias e dificultades, desexámosvos un bo inicio e desenvolvemento do curso 2022/2023 e aproveitamos para lembrarvos que podedes contar coa axuda de ANPE para o que precisedes