ANPE traslada ás súas reivindicacións ao Conselleiro de Educación


24 Mai, 2022

WEBANPE Galicia reúnese co Conselleiro de Educación para esixir melloras nas condicións de traballo do profesorado galego.

Dita reunión tivo lugar logo de que fose solicitada polo responsable de ANPE Galicia tras a súa reelección no cargo á fronte da organización sindical.  Na mesma deuse traslado das principais reivindicacións de ANPE no ámbito do ensino público non universitario. Acompañaron ao presidente autonómico o vicepresidente autonómico, Julio C. Trashorras de la Fuente e a secretaria de comunicación, Rebeca Losada González.

Deste xeito, desde ANPE Galicia trasladamos ao máximo responsable educativo da Xunta de Galicia as seguintes reivindicacións encamiñadas a recuperar os dereitos laborais e sociais arrebatados ao profesorado galego. Cuestións que para nós son fundamentais para mellorar a calidade do sistema educativo e para paliar as deficiencias producidas nos últimos anos por mor da crise sanitaria:

- Redución das rateos alumnado/profesorado en todas as etapas educativas.
-
Redución do horario lectivo do profesorado para volver ao horario lectivo de 21 horas no corpo de mestres e de 18 horas lectivas nos restantes corpos.
- Redución da excesiva carga burocrática nos centros educativos.
-
Rectificación no que respecta aos días lectivos do vindeiro curso escolar para fixar 175 días.
- Establecemento dun protocolo e plans de saúde mental e laboral tanto do alumnado como do profesorado (e máis agora na etapa post-covid).
-
Restablecemento do pago dos meses de verán para o profesorado interino que traballe máis de 5 meses e medio ao longo do curso académico, tal e como se recolle no Acordo de Interinos, así como o mantemento de dito acordo asinado por ANPE e outras Organizacións Sindicais.
- Necesidade de afrontar a integración do profesorado do extinto corpo de Profesores Técnicos de Formación Profesional no corpo de PES tal e como establece a normativa estatal actualmente vixente.
-
Necesidade de que o Goberno Autonómico faga presión ante ao Goberno central do Estado para acadar que todo o profesorado se encadre nun único grupo funcionarial A1 para, deste xeito, homoxeneizar os dereitos retributivos e administrativos de todo o colectivo docente, e insista no mantemento da xubilación anticipada dos docentes.
- Establecemento dunha normativa autonómica que permita a compatibilidade entre o desempeño da función docente e outras actividades remuneradas.
- Necesidade de implantar a figura da Enfermería Escolar en todos os centros educativos galegos.

 Ademais de dar traslado das nosas principais peticións tamén tivemos ocasión de compartir a nosa preocupación por cuestións que están á orde do día, como son os procesos de estabilización establecidos na Lei de Medidas Urxentes para a redución da temporalidade no emprego público ou a aplicación e desenvolvemento da nova Lei de Formación Profesional para que, desde xeito, a nosa Comunidade poida convocar os procesos selectivos das prazas das especialidades de Formación Profesional que quedan pendentes da última Oferta de Emprego Público á espera de dito desenvolvemento normativo.

Desde ANPE Galicia agardamos que as peticións e reivindicacións trasladadas á Administración nesta xuntanza non caían en saco roto e poidan materializarse de xeito inmediato en aras de acadar unha efectiva mellora da calidade do sistema educativo público galego e dos seus docentes, tarefa pola que desde a nosa organización seguiremos loitando día a día. Non é de recibo que despois de dous cursos académicos complicados, nos que o profesorado fixo un grande esforzo para paliar a situación provocada pola crise sanitaria, o único que se leve por parte dos responsables do Goberno Autonómico é unha felicitación e, como premio, “un día lectivo máis no vindeiro calendario escolar”.

É hora de recuperar todos os dereitos sociais, económicos e laborais perdidos durante moitos anos!!!