Informe anual - Defensor del Profesor


24 Nov, 2017

O DEFENSOR DO PROFESOR ATENDEU EN GALICIA A 206 DOCENTES DURANTE O CURSO 2016-2017 

O Defensor do Profesor é un servizo de atención inmediata e gratuíta para docentes vítimas de situación de conflitividade e violencia nas aulas, posto en marcha por ANPE en Galicia o 24 de abril de 2006, como primeira medida de apoio ante a indefensión do profesorado e como chamada de atención sobre o problema da violencia escolar. É un servizo aberto a todo o profesorado sen distincións e operativo en todas as CCAA para favorecer a atención personalizada a todos os docentes e que xa leva atendido, desde a posta en marcha do servizo a preto de 2.000 docentes.

 Nos datos que presentamos para Galicia, clasificamos as chamadas por sexo, por corpo e por tipoloxía, tentando neste último período de estudo axustar a súa definición algo mellor ao tipo de intervención que requiriu cada unha delas; polo que presentamos a incidencia de chamadas divididas en:

  • Administrativas: aquelas que se poden solucionar a través da intervención directa do profesorado afectado ou ben a través da propia organización sindical que se encarga de facilitarlle os trámites pertinentes.
  • Psicolóxicas: aquelas nas que se necesita asesoramento psicolóxico por parte dun profesional.
  • Xurídicas: aquelas que requiren a participación do asesor xurídico para a súa solución ou ben a realización de algún trámite de tipo xurídico.

   Debemos indicar que nestes datos se recollen os correspondentes ás chamadas recibidas polo servizo autonómico do Defensor do Profesor e, polo tanto, non recollen as recibidas polo servizo provincial de ANPE Ourense nin as recibidas no servizo a nivel nacional pero correspondentes a docentes galegos.

   Así mesmo, segundo datos aportados pola propia Administración educativa, durante o pasado curso escolar abríronse na nosa comunidade un total de 1.010 expedientes administrativos ao alumnado dos diferentes niveis educativos o que supón un 0,34% do total. O maior número de expedientes corresponde ao alumnado da ESO con un total de 721 (o 0,80%).  Sen embargo, se falamos en termos porcentuais, o primeiro posto é ocupado polo alumnado da Formación Profesional Básica etapa na que dos 3.598 alumnos cos que conta na nosa Comunidade Autónoma se pecharon un total de 127 expedientes disciplinarios (3,53%). Cabe destacar que nesta etapa educativa e nos últimos anos o aumento de expedientes pechados é alarmante pasando dos 26 na etapa equivalente do curso 2008-2009 aos 127 do curso pasado. Unha evolución semellante se ven producindo así mesmo na etapa de educación primaria onde se pasaron dos 29 expedientes do curso 2008-2009 aos 86 do curso pasado. Este importante aumento da conflictividade do alumnado de primaria é un dos aspectos que máis preocupa ao servizo do Defensor do Profesor e a ANPE Galicia que levan anos chamando a atención sobre os cada vez maiores problemas que xorden en alumnado de idades cada vez menores.

   Tamén é importante destacar o aumento do número de chamadas ao servizo relacionadas con problemas cos pais/nais do alumnado. Este aspecto tamén é preocupante sobre todo se temos en conta que desde o noso servizo e desde ANPE entendemos que o sistema educativo debe contar non só coa colaboración da Administración Educativa e do profesorado senón tamén dos pais e nais como peza fundamental e como primeiros axentes socializadores e educadores dos rapaces e rapazas.

   Creemos que unha actitude pouco exemplarizante por parte das familias ten a súa repercusión negativa e incide profundamente nos comportamentos disruptivos por parte do alumnado.

   ANPE Galicia considera importantísimo, como ven recalcando desde sempre, o apoio e a colaboración entre familia e profesorado galego como ferramenta fundamental para mellorar o clima de convivencia nas nosas aulas.

Secretaría de comunicación de ANPE Galicia

Santiago, 22 de novembro de 2017.

informe-defensor-16-17.pdf
datos-expediente-academicos-16-17.pdf
evolucion-numero-expedientes.pdf
taboas-datos-defensor-16-17.pdf