O XXXVI Consello Sindical Autonómico de ANPE Galicia reelixe a Julio Díaz como Presidente


05 Mar, 2022

WEBANPE Galicia celebrou hoxe o seu XXXVI Consello Sindical Autonómico co lema “ ANPE, con independencia cara os novos retos do futuro”.  

Julio Díaz Escolante foi reelexido como presidente de ANPE en Galicia para pilotar os pasos da organización sindical na Comunidade durante os vindeiros catro anos. 

No seo deste Consello elixiuse ao novo Secretariado Permanente Autonómico que acompañará ao novo presidente nesta lexislatura, un equipo con experiencia que seguirá impulsando a ANPE cara aos novos retos do futuro para continuar sendo o referente da educación pública e do seu profesorado.

O proxecto de ANPE fundaméntase nun traballo sindical responsable e comprometido coa sociedade. ANPE é unha Organización moderna, aberta, participativa e transparente na xestión, coas nosas señas de identidade: a independencia e a profesionalidade que vimos demostrando desde hai 44 anos para mellorar o ensino público e as condicións de traballo dos docentes, que é a nosa esencia sindical e a nosa razón de ser.

Acordou o Consello Sindical solicitar, de inmediato, unha reunión co Conselleiro de Educación para trasladar as reivindicacións do profesorado galego:

 Volta á carga lectiva do profesorado de secundaria a 18 horas e a 21 horas o de primaria.

 Manter e mesmo aumentar os reforzos para reducir ratios, non só para cumprir coas medidas hixiénico-sanitarias senón tamén para compensar os déficits de aprendizaxe do alumnado que a COVID ocasionou, apostando así por unha educación máis individualizada.

 Resolver as incertezas recentes xeradas no colectivo docente: aclarar e dar resposta á inquietude xerada no colectivo de interinos e futuros aspirantes á Función Docente en relación co desenvolvemento da lei para a redución da temporalidade no emprego público e levar a cabo as actuacións pertinentes para resolver o problema dos compañeiros e compañeiras do corpo de profesores técnicos de F. P.

 Avanzar para que, nun futuro próximo, os diferentes Corpos Docentes pertenzan todos ao mesmo Grupo A1 retributivo.

 Elaborar un verdadeiro Plan Autonómico de Mellora da Convivencia Escolar que permita, coa necesaria colaboración do Ministerio de Educación, un impulso á convivencia nos centros educativos e contemple entre outras medidas, o desenvolvemento regulamentario da autoridade do profesorado, un programa e ferramentas de prevención de acoso escolar que inclúa verdadeiros protocolos de protección das vítimas, un plan específico de formación do profesorado e a potenciación do Observatorio Autonómico da Convivencia Escolar.

 Presente e futuro do Acordo de Interinos galego.

 Regulación das materias afíns.

 Impulso da Atención á Diversidade na nosa Comunidade.

 Redución da burocracia que satura o funcionamento dos centros educativos.

 Ampliación dos supostos de compatibilidade para exercer outras actividades para os funcionarios docentes.

Desde ANPE afrontamos esta nova etapa con ilusión, forza e máis unidos que nunca. Traballaremos de xeito conxunto co profesorado galego para superar esta difícil etapa que nos tocou vivir. Seguiremos na nosa loita constante pola dignificación dos docentes galegos utilizando para iso, desde a nosa profesionalidade e independencia, todas as medidas reivindicativas que consideremos preciso no noso labor sindical.