Admisión do alumnado ás ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais


18 Mai, 2021

DOGRESOLUCIÓN do 4 de maio de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o acceso e admisión do alumnado ás ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais para o curso 2021/22.

1. De acordo co establecido no artigo 3 da Orde do 21 de novembro de 2016, para o acceso aos estudos superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, en calquera das súas especialidades, requirirase estar en posesión do título de bacharelato ou título declarado equivalente para os efectos académicos, ou ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, así como a superación da correspondente proba específica a que se refire o artigo 56.1 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro.

Poderá acceder ás ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais sen necesidade de realizar a proba específica de acceso quen estea en posesión dun título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño.

1. O prazo de presentación das solicitudes comprenderá desde o día seguinte ao da publicación desta resolución ata o 17 de xuño, ambos os dous incluídos. Para tal fin, a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia deberá expor no seu taboleiro de anuncios a normativa reguladora de admisión do alumnado, así como o número de prazas ofertadas, con indicación das prazas reservadas para as persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

2. Con carácter xeral, as solicitudes deberán realizarse de xeito telemático cubrindo o formulario dispoñible en www.edu.xunta.gal/eas, e empregando o certificado dixital ou sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Non obstante, tamén se poderá formalizar a inscrición directamente na Secretaría da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. As persoas aspirantes que só dispoñan de pasaporte deberán realizar a inscrición na Secretaría da escola.

3. Para completar o proceso de inscrición, deberase presentar unha copia da solicitude xunto coa documentación requirida na Secretaría da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais.