
Esta modalidade de formación desenvólvese nos propios centros educativos, favorece e estimula o traballo en equipo do profesorado e propicia a innovación, a mellora da práctica docente e a actualización científico-técnica, de modo que incida na mellora da educación.
Convocatoria
Convócanse 75 proxectos de formación do profesorado de formación profesional, nos centros educativos de niveis non universitarios que impartan estas ensinanzas.
Cada proxecto deberá contar cun coordinador ou cunha coordinadora e poderá incorporar profesorado de diferentes centros que compartan a súa necesidade de formación, coa finalidade de acadar o óptimo aproveitamento dos recursos.

Poderá participar o profesorado que imparta docencia en ensinanzas de formación profesional en centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

- Dar resposta ás necesidades de formación do profesorado de formación profesional, e facilitarlle ao resto do profesorado o acceso á información obtida mediante a elaboración e a difusión de actividades de aplicación directa a aula.
- Fomentar a súa formación nas competencias profesionais para abordar con eficacia todas as situacións do proceso de ensino e aprendizaxe, e no desenvolvemento das funcións que o profesorado debe desempeñar nunha sociedade complexa e en permanente cambio.
- Potenciar a relación entre o profesorado de formación profesional e as empresas para, deste xeito, ofrecerlle unha mellor orientación ao alumnado de formación profesional.
- Establecer liñas de traballo e de toma de decisións para a mellora consensuada da educación do alumnado e do funcionamento dos centros, así como para a posta en práctica e a avaliación de accións que repercutan na mellora da calidade dos procesos curriculares e organizativos.
- Promover a formación e a actualización metodolóxica e científico-tecnolóxica dos equipos docentes a través do traballo colaborativo e do fomento da súa autonomía, partindo da experiencia e da capacidade do profesorado.