Título de técnico superior en Organización e Control de Obras de Construción.


31 Xul, 2017

Luns 31/07/2017     DECRETO 69/2017, do 24 de maio, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Organización e Control de Obras de Construción.    A competencia xeral do título de técnico superior en Organización e Control de Obras de Construción consiste en organizar a pé de obra traballos de execución de edificación e obra civil xestionando recursos, coordinando faenas e controlando unidades de obra realizadas, consonte as especificacións do proxecto, a planificación da obra, as instrucións recibidas, a normativa aplicable e as condicións establecidas en materia ambiental, de calidade, de seguridade e de saúde laboral.    As persoas que obteñan o título de técnico superior en Organización e Control de Obras de Construción exercerán a súa actividade en pequenas, medianas e grandes empresas construtoras, administracións públicas, estudios de arquitectura e enxeñaría, e consultoras.    A docencia dos módulos profesionais que constitúen as ensinanzas do ciclo formativo de grao superior de Organización e Control de Obras de Construción correspóndelle ao profesorado do corpo de catedráticos e catedráticas de ensino secundario, do corpo de profesorado de ensino secundario e do corpo de profesorado técnico de formación profesional, segundo proceda, das especialidades establecidas no anexo III A).    As titulacións requiridas para acceder aos corpos docentes citados son, con carácter xeral, as establecidas no artigo 13 do Real decreto 276/2007, do 23 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, accesos e adquisición de novas especialidades nos corpos docentes a que se refire a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e se regula o réxime transitorio de ingreso a que se refire a disposición transitoria décimo sétima da devandita lei. As titulacións equivalentes ás anteriores para os efectos de docencia, para as especialidades do profesorado, son as recollidas no anexo III B).    As titulacións requiridas para a impartición dos módulos profesionais que formen o título, para o profesorado dos centros de titularidade privada ou de titularidade pública doutras administracións distintas das educativas, concrétanse no anexo III C).