Modificación do texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social, aprobado polo Real Decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro. Modifícase o texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social, aprobado polo Real Decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, da seguinte forma: Dáse nova redacción ao artigo 60.
ANPE INFORMA: * COMO NOS AFECTA O NOVO RD APROBADO POLO GOBERNO AO COMPLEMENTO DE MATERNIDADE ?
Por que se modificou?
Unha das principais razóns do cambio atópase nunha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea ( TJUE) que en decembro de 2019 fallou a favor dun pai español que solicitara á Seguridade Social, sen éxito, cobrar o complemento por maternidade.
En que consiste esta modificación? Contémplase tanto no ámbito da Seguridade Social como no de Clases Pasivas, podemos resumila así:
Modifícase o texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social: As mulleres que tivesen un ou máis fillos ou fillas e que sexan beneficiarias dunha pensión contributiva de xubilación, de incapacidade permanente ou de viuvez, terán dereito a un complemento por cada fillo ou filla, debido á incidencia que, con carácter xeral, ten a brecha de xénero no importe das pensións contributivas da Seguridade Social das mulleres. O dereito ao complemento por cada fillo ou filla recoñecerase ou manterá á muller sempre que non medie solicitude e recoñecemento do complemento en favor do outro proxenitor e se estoutro é tamén muller, recoñecerase a aquela que perciba pensións públicas cuxa suma sexa de menor contía
Modifícase o texto refundido da Lei de Clases Pasivas do Estado: As mulleres que tivesen un ou máis fillos ou fillas e que sexan beneficiarias dunha pensión de xubilación ou retiro de carácter forzoso ou por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade ou viuvez no Réxime de Clases Pasivas, terán dereito a un complemento por cada fillo ou filla, debido á incidencia que, con carácter xeral, ten a brecha de xénero no importe das pensións das mulleres. O dereito ao complemento económico por cada fillo ou filla recoñecerase ou manterá á muller sempre que non medie solicitude e recoñecemento do complemento en favor do outro proxenitor e se estoutro é tamén muller, recoñecerase a aquela que perciba pensións públicas cuxa suma sexa de menor contía.
O importe non é unha porcentaxe sobre a pensión como ata o de agora, senón que é unha cantidade fixa anual distribuida en 14 pagas. Para este ano:
Nº de fillos | Importe anual/mensual |
---|---|
1 | 378€ / 27 € |
2 | 756€ / 54 € |
3 | 1.134€ / 81 € |
4 o máis | 1512€ / 107 € |
- O importe do complemento fixarase cada ano na Lei de Orzamentos Xerais do Estado.
- O complemento será satisfeito en catorce pagas.
- O importe do complemento non será tido en conta na aplicación do límite máximo de pensións.
- Non será considerado como ingreso ou rendemento de traballo. Non se terá dereito en caso de xubilación parcial.
- Os complementos que se recoñecesen noutros réximes da Seguridade Social serán incompatibles entre si.
- Afecta tanto ao persoal funcionario de carreira como ao persoal interino.
- Este incremento estará en vigor mentres exista a “brecha de xénero”.
- A súa aplicación afecta a quen se xubile a partir de agora. Aquelas persoas que teñen recoñecido o complemento por "achega demográfica", é dicir o antigo, seguirano cobrando como ata o de agora.
- Ha de achegar na SS ou MUFACE, segundo corresponda, a acreditación de nº de fillos/as [libro de familia, partida de nacemento, ou similar]
Mantemento transitorio do complemento de maternidade.
A percepción do devandito complemento de maternidade será incompatible co complemento de pensións contributivas para a redución da brecha de xénero debendo optar entre un ou outro. Quen estivese percibindo o complemento de maternidade seguirao mantendo. (Clases Pasivas) Se o outro proxenitor ten dereito ao complemento para a redución da brecha de xénero, a contía mensual que lle sexa recoñecida deducirase do complemento de maternidade que viñese percibindo. (Clases Pasivas)
Que condicións deben cumprir os homes para acceder a este complemento?
Os homes terán recoñecido o dereito a este complemento sempre que reúnan esta serie de requisitos:
1.Causar unha pensión de viuvez
2.Causar unha pensión contributiva de xubilación, incapacidade permanente e interromper ou ver afectada a súa carreira profesional con ocasión do nacemento ou adopción, conforme as seguintes condicións:
- Fillos/as nados ou adoptados antes do 31 de decembro de 1994, ter máis de 120 días sen servizos efectivos ao Estado [ou ter máis de 120 días sen cotización] entre os nove meses anteriores ao nacemento e os tres anos posteriores á devandita data.
- Fillos/as nados desde o 1 de xaneiro de 1995, o funcionario fose cesado no servizo activo ou tivese unha redución da xornada nos vinte e catro meses [ou que a suma das bases de cotización, para Seguridade Social] dos vinte e catro meses seguintes ao do nacemento ou resolución xudicial pola que se constitúa a súa adopción sexa inferior, en máis dun 15%, á dos vinte e catro meses inmediatamente anteriores.
- A suma das pensións recoñecidas sexa inferior á suma das pensións que lle corresponde ao outro proxenitor.