INTEF - apertura de inscripción para experiencias de aprendizaxe abertas e enliña


21 Xan, 2021

WEB - Calendario de formación aberta para este segundo trimestre do curso 2020/2021 polo INTEF - experiencias de aprendizaxe


Experiencias de aprendizaxe aberta e en liña: son experiencias de aprendizaxe abertas a calquera persoa interesada, con propostas orientadas á agregación dixital de evidencias, un enfoque eminentemente práctico, e un plan de actividades que fomentan a adquisición, a mellora e o desenvolvemento da competencia dixital docente a través da aprendizaxe entre iguais, a avaliación formativa, a colaboración, e a pertenza a comunidades profesionais que aprenden xuntas, interaccionan e xestionan a súa aprendizaxe de maneira autónoma.

Estas experiencias poden ter unha duración que oscila entre 10 días e 5 semanas, cun esforzo estimado que pode ir desde os 180 minutos ata as 30 horas.

A súa inscrición é libre para quen queira acceder e seguir a proposta de aprendizaxe. A estimación de carga horaria é só orientativa: non se certifican horas de formación, senón que se espera que a participación nestas experiencias de aprendizaxe aberta e en liña teña como principal motivación a aprendizaxe persoal, o desenvolvemento profesional e a colaboración con outros docentes. Con todo, á súa finalización, emítense micro credenciais dixitais abertas que se entregan como forma de recoñecemento á aprendizaxe desenvolvida e que se almacenan na Mochila “Insignias INTEF”. A realización dunha colección destas experiencias pode conducir á emisión de meta-credenciais dixitais abertas que recoñecen itinerarios de aprendizaxe realizados.
Durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo, van desenvolver un total de 9 cursos en modalidades MOOC e NOOC, así como 6 pílulas de autoformación Edupills.

Os MOOC son cursos masivos abertos en liña, cunha duración de 5 semanas; os NOOC son nano cursos masivos abertos en liña, cunha duración de 10 días e unha dedicación estimada de 3 horas; as Edupills son pílulas de microformación, cunha duración de entre 3 e 7 minutos.

Pílulas de micro auto-aprendizaxe: Edupills é unha app gratuíta para iOS e Android con pílulas educativas que contribúen á mellora da competencia dixital educativa. Esta aplicación móbil está enfocada a que o profesorado, e calquera persoa interesada, adquira e/ou desenvolva habilidades, destrezas e competencias dixitais dunha forma sinxela e rápida. Edupills nace con vocación de converterse nunha modalidade de auto-aprendizaxe á que calquera docente pode acceder desde un dispositivo móbil, en calquera momento, e desde calquera lugar. As pílulas educativas de micro auto-aprendizaxe están categorizadas de acordo ás cinco Áreas do Marco de Referencia da Competencia Dixital Docente. Recoméndase estar atento ás actualizacións regulares e novidades na propia app.

A formación ofertada para este segundo trimestre inclúe diversas temáticas co obxectivo de dar resposta a un amplo abanico de intereses, necesidades e inquietudes dos docentes e da comunidade educativa en xeral.

Accede a toda información sobre Aprendizaxe enliña do INTEF