ANPE esixe claridade na redacción final do acordo adoptado polo Pacto de Toledo


26 Out, 2020

WEBANPE defenderá os intereses dos docentes que pertencen ao réxime de clases pasivas para que non se vexan lesionados nin diminuídos os seus dereitos e seguirá reivindicando similares condicións para o resto do profesorado. 

Este venres 23 de outubro, os portavoces da Comisión do Pacto de Toledo acordaron un borrador do texto que, previsiblemente, asinarán mañá. No mesmo recóllese a prórroga do actual sistema de xubilación para os funcionarios pertencentes ao réxime de clases pasivas.

No caso do profesorado, estarían integrados todos aqueles funcionarios de carreira que ingresaron na función pública docente antes de 2011.

A sorpresa e a incerteza, dentro deste colectivo, empezouse a xerar cando o goberno, durante o pasado estado de alarma e no RDL15/2020 do 21 de abril, de medidas urxentes complementarias para apoiar a economía e o emprego, incluíu, en parte do seu articulado, cambios na lexislación do Réxime de Clases Pasivas, en concreto o traslado de competencias, que antes correspondían á Dirección Xeral de Custos de Persoal e Pensións Públicas do Ministerio de Facenda, ao Instituto Nacional de Seguridade Social. Un cambio que, en principio era competencial e orgánico, fixo que se temese pola desaparición do sistema de xubilación do Réxime de Clases Pasivas.

Unha vez coñecido o texto, que previsiblemente se aprobará mañá, recollería a prorroga do sistema de xubilación anticipada que ANPE sempre defendeu e reivindicou.

ANPE seguirá defendendo e reivindicando o establecemento e consolidación dun sistema de xubilación anticipada para todo o profesorado, á marxe do réxime de cotización ao que estean adscritos. Para iso, o mellor marco normativo posible sería o ansiado e tanto tempo reivindicado Estatuto da Función Pública Docente .