Procedemento para solicitudes de inclusión nas listas de interinidades e substitucións


21 Out, 2020

DOGRESOLUCIÓN do 13 de outubro de 2020, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se habilita o procedemento para a presentación de solicitudes de inclusión nas listas de interinidades e substitucións dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en centros dependentes desta consellería (código de procedemento ED003A).

O Real decreto lei 31/2020, do 29 de setembro, polo que se adoptan medidas urxentes no ámbito da educación non universitaria, establece a exención temporal do requisito da formación pedagóxica e didáctica de posgrao, ou equivalente, para o nomeamento de persoal funcionario, cando non sexa posible nomear candidatos que estean en posesión do dito máster. Esta exención temporal queda limitada ata a finalización do curso académico en que as autoridades correspondentes determinen que deixaron de concorrer as circunstancias extraordinarias derivadas da pandemia xerada pola COVID-19.

Asemade, para axilizar o máximo posible a elaboración das listas de interinidades e substitucións, negociouse na Mesa sectorial docente non universitaria a incorporación dunha disposición transitoria ao Acordo do 20 de xuño de 1995, polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.

Para seren admitidas nas listas, as persoas aspirantes deberán posuír, na data de finalización do prazo de presentación da/s solicitude/s, os requisitos que para cada unha das listas se establezan na resolución de convocatoria que será publicada no portal da internet da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https://www.edu.xunta.gal/portal/).

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

O prazo para formular solicitudes será de cinco (5) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución.