Currículo de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Escultura aplicada ao Espectáculo


10 Out, 2017

Currículo de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Escultura aplicada ao Espectáculo

Martes 10/10/2017

 
 
   De conformidade co número 3.1 do anexo I do Real decreto 220/2015, do 27 de marzo, a persoa que obtén o título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Escultura Aplicada ao Espectáculo pode desenvolver a súa actividade como profesional autónomo, asociado ou contratado por conta allea, en empresas e talleres de carácter artesanal ou artístico relacionados coa execución de proxectos de realización e montaxe de obras de ornamentación, ambientación e caracterización, mediante técnicas escultóricas para aplicar en calquera tipo de espectáculos, realizando o seu labor no marco das funcións e obxectivos asignados ao seu posto de traballo como técnico/a superior ou coordinando pequenos grupos de traballo de profesionais de inferior nivel.
 
   Segundo o establecido no número 3.2 do anexo I do Real decreto 220/2015, do 27 de marzo, a persoa que obtén o título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Escultura Aplicada ao Espectáculo pode exercer a súa profesión no sector artístico relacionado cos proxectos de realización e montaxe de obras de ornamentación, ambientación e caracterización, mediante técnicas escultóricas para aplicar en calquera tipo de espectáculos, entre outros, nos sectores de produción teatral, televisivo, cinematográfico, publicitario, turístico, de feiras e exposicións, festivo e recreativo, e noutros sectores de produción industrial e construtivo que requiran os seus servizos.