Currículo de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía
Mércores 04/10/2017
O presente decreto establece o currículo que será de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia para as ensinanzas do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía, pertencente á familia profesional artística de Escultura, de acordo co establecido na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no Real decreto 596/2007, do 4 de maio, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, e no Real decreto 223/2015, do 27 de marzo, polo que se establece o título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía, pertencente á familia profesional artística de Escultura, e se fixa o correspondente currículo básico.
A competencia xeral do título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía consiste en:
a) Realizar o dourado, o prateado e a policromía de obra artística, con calidade técnica e artística, a partir do proxecto propio ou dun encargo profesional determinado.
b) Planificar o proceso de realización mediante a definición dos aspectos formais, funcionais, materiais, estéticos e de produción.
c) Organizar e levar a cabo as diferentes fases do proceso garantindo a seguridade das operacións e realizando os controis de calidade correspondentes ata a obtención do produto rematado, con garantía de calidade e seguridade.
d) Colaborar co/coa conservador/a-restaurador/a na identificación dos danos, na elaboración da documentación gráfica e técnica do proxecto e aplicar as técnicas e os procedementos idóneos para a restauración de dourados e policromías, a partir das instrucións e documentación elaborada por conservadores/as-restauradores/as de bens culturais.
Segundo o establecido no número 3.1 do anexo I do Real decreto 223/2015, do 27 de marzo, a persoa que obtén o título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía desenvolve a súa actividade como profesional autónomo ou como traballador/a por conta allea, en empresas e talleres de carácter artesanal ou artístico relacionados coa execución de proxectos e acabados polícromos de obras artísticas ou artesanais de dourado, prateado e policromía, realizando o seu labor no marco das funcións e obxectivos asignados ao seu posto de traballo e coordinando pequenos grupos de traballo de profesionais de inferior nivel ou baixo a dirección do/da conservador/a-restaurador/a en traballos de restauración de elementos escultóricos dourados ou policromados.
De conformidade co establecido no número 3.2 do anexo I do Real decreto 223/2015, do 27 de marzo, a persoa que obtén o título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía pode exercer a súa profesión no sector artesán relacionado cos proxectos de realización e restauración de dourado e acabados polícromos en obras artísticas ou artesanais, entre outros, no sector das artes plásticas e noutros sectores de produción industrial que requiran os seus servizos, e naqueloutras empresas enmarcadas noutros sectores da produción industrial ou da construción que requiran servizos deste/a profesional. Así mesmo, pode integrarse en empresas do sector da conservación e restauración de bens culturais en asociación ou baixo a dirección de conservadores/as-restauradores/as de bens culturais.
A persoa que obtén o título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía é un/unha profesional cualificado/a para desenvolver os seguintes postos de traballo e ocupacións, segundo o establecido no número 3.2 do anexo I do Real decreto 223/2015, do 27 de marzo:
a) Encargado/a de taller de dourado, prateado e policromía.
b) Dourador/a, prateador/a e policromador/a de obras artísticas.
c) Decorador/a de obras artísticas de dourado e policromía.
d) Asistencia técnica en restauración de dourado, prateado e policromía.