FP - Instrucións para o desenvolvemento dos ciclos formativos


17 Ago, 2020

DOG - RESOLUCIÓN do 4 de agosto de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional do sistema educativo no curso 2020/21.

Oitavo. Horario do profesorado de centros públicos

1. Cando as características horarias dos módulos para os que o profesorado de cada departamento teña atribución docente non permitan completar, na asignación inicial de módulos, o horario lectivo legalmente establecido, as horas que falten deberanse dedicar a outras actividades lectivas, segundo as directrices do director ou a directora do centro, tales como impartición de materias afíns doutros departamentos, actividades de reforzo ou recuperación do alumnado do propio departamento, apoio á docencia noutros niveis ou participación nalgún proxecto docente ou complementario incluído na programación xeral do centro, realización da titoría do módulo de Formación en centros de traballo e do módulo de Proxecto, e/ou colaboración na súa coordinación e no seu desenvolvemento, e ademais, no caso do profesorado dos centros integrados de formación profesional, aquelas actividades formativas e accións que se encadren dentro do seu ámbito de competencias.

2. Mentres o alumnado do ciclo formativo estea a realizar o módulo profesional de Formación en centros de traballo, o xefe ou a xefa de estudos, co apoio da persoa responsable da titoría do ciclo formativo e da xefatura do departamento, elaborarán o novo horario do profesorado que quede coas horas vacantes, e darallo a coñecer ao profesorado e, de ser o caso, aos pais ou ás nais, ou a quen exerza a titoría legal. Durante este período, o profesorado con atribución docente no ciclo ou no módulo realizará, entre outras, algunha das seguintes actividades:

a) Impartición e avaliación de actividades de recuperación ao alumnado que teña pendente de superar algún módulo profesional. Para tal fin, a persoa responsable da xefatura de estudos, co apoio do titor ou da titora do ciclo formativo, elaborarán o novo horario do profesorado que resulte con horas vacantes.

b) Apoio naqueles módulos con alumnado repetidor, pertencente a ciclos formativos da mesma familia profesional, para os cales se teña atribución docente, segundo figura nos decretos que regulan os correspondentes currículos.

c) Apoio á titoría de ciclos formativos e á coordinación e o seguimento da FCT e do módulo de Proxecto, no caso de ciclos formativos de grao superior.

d) Apoio á titoría e á impartición de ciclos formativos na modalidade de formación profesional dual.

e) Apoio á coordinación e á impartición de ciclos formativos plurilingües.

f) Realización de accións de desenvolvemento do emprendemento ou, de ser o caso, apoio aos viveiros de empresas dos centros educativos.

g) Realización de accións de desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica, científica ou didáctica no ámbito da formación profesional.

h) Impartición de actividades de formación profesional para o emprego, en caso de estaren autorizadas no centro educativo.

i) Realización de operacións programadas polo departamento para a mellora das instalacións onde se imparta o ciclo formativo.

j) Participación nas actividades de actualización e formación que convoque a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

k) Impartición de actividades formativas e accións que se desenvolvan nos centros integrados de formación profesional.

l) Outras que a dirección do centro lle encomende, dentro do seu ámbito de competencias.

En calquera caso, a permanencia obrigatoria en horario fixo no centro do profesorado afectado polo cambio de horario será de 23 horas semanais, e a súa permanencia mínima diaria no centro non será inferior ás tres horas.

A proposta do novo horario enviarase, para a súa aprobación definitiva, ao servizo correspondente de inspección educativa no prazo de cinco días, logo de finalizada a sesión de avaliación previa á realización do módulo de Formación en centros de traballo.

3. Así mesmo, o xefe ou a xefa de estudos, co apoio da persoa responsable da titoría do ciclo formativo e da xefatura do departamento, poderán adaptar o horario do profesorado que quede coas horas vacantes logo de realizada a terceira avaliación parcial de módulos para o período a que se refiren os artigos 29.2 e 34.2 da Orde do 12 de xullo de 2011, para realizar, entre outras, as actividades que se describen nas epígrafes anteriores. Tal adaptación non poderá supor variación do número global de horas semanais de permanencia no centro previsto no horario lectivo do profesorado.