Neste 1 de maio, ANPE agradece a capacidade de adaptación e o traballo diario dos docentes


01 Mai, 2020

NP -  ANPE AGRADECE A TODOS OS DOCENTES A CAPACIDADE DE ADAPTACIÓN E O TRABALLO DIARIO NO DÍA INTERNACIONAL DOS TRABALLADORES 

O día 1 de maio celébrase na maioría dos países do mundo o Día Internacional do Traballo, unha data para lembrar aos traballadores que loitaron para conseguir unhas condicións de traballo máis xustas. 

Este ano, a complicada situación que estamos a vivir levou aos traballadores do Ensino, a afrontar a súa profesión nunhas condicións laborais, sociais e persoais excepcionais e complicadas, que están a supoñer un esforzo extra dos docentes para atender e dar resposta a todos os seus alumnos durante este último trimestre do curso escolar. 

Con motivo desta conmemoración, ANPE quere resaltar a actitude exemplar e de entrega que está a demostrar o profesorado durante estas difíciles semanas e agradece a todos os docentes o seu esforzo e profesionalidade. 

Para ANPE, os docentes están a demostrar unha vez máis, ser un colectivo que traballa de maneira vocacional en calquera circunstancia para garantir a continuidade da actividade lectiva a pesar dos obstáculos e das dificultades.

 Co fin de que non se resintan as condicións laborais do profesorado, ANPE esixe unha planificación clara e concisa para o próximo curso escolar. Débese deseñar un Plan de Actuación para unha volta ás aulas segura e nun ambiente de confianza para toda a comunidade educativa, un plan que inclúa:  unha previsión e provisión suficiente de prazas de profesorado que permita desdobrar aulas para apoiar a alumnos e a docentes e que á súa vez, permita a redistribución necesaria de número de alumnos por aula para o inicio do seguinte curso escolar; dotación aos centros do material e os medios necesarios para a prevención dos contagios por Covid-19 e a implantación da figura da enfermeira escolar nos centros educativos, unha reivindicación de ANPE destes últimos anos.

Por último, ANPE demanda ao conxunto da sociedade: administración educativa, grupos políticos, familias, axentes sociais e medios de comunicación, entre outros, o recoñecemento ao esforzo e á dedicación que os docentes están a realizar durante o Estado de Alarma para seguir levando a Educación a todo o alumnado.

                                                                                                                                           Santiago, 1 de maio de 2020