Concurso sobre consumo responsable e calidade de vida Consumópolis-15


04 Feb, 2020

DOG RESOLUCIÓN do 20 de xaneiro de 2020, conxunta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, pola que se convoca a fase autonómica do concurso sobre consumo responsable e calidade de vida Consumópolis-15 Os teus actos de consumo poden cambiar o mundo, como o farías ti? (código de procedemento IN114A).

O concurso consta de dúas partes: o percorrido pola cidade virtual de Consumópolis e o deseño, elaboración e exposición dun traballo en equipo sobre consumo responsable.

1. Poderán participar nesta fase autonómica todos aqueles equipos constituídos por cinco alumnos ou alumnas que cursen estudos de 5º ou 6º de educación primaria ou 1º, 2º, 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria en calquera centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia. 

2. Cada alumno ou alumna participante só poderá formar parte dun equipo. Os equipos deben procurar a paridade, polo que se procurará que cada equipo non teñan máis de tres membros do mesmo sexo.

3. Cada equipo debe estar coordinado por un docente do centro. Un mesmo docente poderá coordinar máis dun equipo no seu centro. 

4. Non existe límite para o número de equipos que se poden formar en cada centro docente. 

Os docentes que participasen como coordinadores dos equipos premiados recibirán da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional un certificado de premio de innovación educativa cunha equivalencia de 12 horas de formación do profesorado.

o Instituto Galego do Consumo e da Competencia ofrece aos centros docentes o asesoramento que precisen para realizar as actividades que son obxecto do concurso, o cal poderán solicitar poñéndose en contacto coa Escola Galega do Consumo a través do enderezo de correo electrónico igc.escuela@xunta.gal ou do número de teléfono 881 99 90 91.

O prazo para a presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 29 de abril de 2020.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible (anexo I) na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Debido á actividade profesional, económica e social que desempeñan as persoas físicas que sexan titulares dun centro docente, tanto no ámbito da educación como na xestión dos servizos vinculados á propia actividade educativa considérase que as persoas físicas que sexan titulares de centros educativos teñen acceso e dispoñibilidade suficiente aos medios electrónicos necesarios para realizaren todos os trámites electronicamente no presente procedemento, de acordo co artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.