Currículo de Técnico Superior en Radioterapia e Dosimetría


11 Xul, 2016

Luns 11/07/2016    DECRETO 79/2016, do 4 de maio, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Radioterapia e Dosimetría.   A competencia xeral do título de técnico superior en Radioterapia e Dosimetría consiste en aplicar tratamentos con radiacións ionizantes baixo prescrición médica, utilizar equipamentos provistos de fontes encapsuladas ou produtores de radiacións, aplicando as normas de radioprotección xerais e específicas e asistindo o/a paciente durante a súa estadía na unidade, así como realizar procedementos de protección radiolóxica hospitalaria seguindo normas de garantía de calidade e os protocolos establecidos na unidade asistencial.     As persoas que obteñen este título exercen a súa actividade profesional no sector sanitario, en organismos e institucións do ámbito público e en empresas privadas, en unidades de oncoloxía radioterápica, en unidades ou servizos de radiofísica hospitalaria, en unidades técnicas de protección radiolóxica e en centros de investigación.Realizan o seu traballo baixo a supervisión do/da facultativo/a correspondente e o/a supervisor/ora da instalación, coa conseguinte acreditación como operador/ora de instalacións radioactivas outorgada polo Consello de Seguridade Nuclear (CSN).