Servizos mínimos Folga do 8 de marzo


01 Mar, 2019

DOG - DECRETO 16/2019, do 28 de febreiro, polo que se ditan normas para garantir os servizos esenciais durante a folga convocada para o día 8 de marzo de 2019.

() • No ámbito da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, polo que se refire ao servizo esencial da educación, este non pode ser reducido exclusivamente á actividade docente, xa que xunto a esta actividade se realizan outras funcións como son a vixilancia e coidado dos nenos e nenas, menores de idade, que acoden aos centros docentes públicos, así como o coidado, mantemento e vixilancia das instalacións destinadas ao servizo público educativo.

Con carácter xeral, o artigo 39 da Constitución depara unha protección especial aos menores; dun xeito máis específico, a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa (DOG do 15 de xullo), dispón no seu artigo 7 que o alumnado ten dereito a que se respecte a súa identidade, integridade e dignidade persoal, e á protección integral contra toda agresión física e moral. Por tanto, a custodia e seguridade dos menores de idade que accedan a un centro docente, o cumprimento dos principios constitucionais mencionados e dos dereitos citados é responsabilidade ineludible da Administración educativa e parte indivisible do dereito esencial á educación.

O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores, dada a súa entidade, debe exercerse continuamente. Como servizo mínimo para garantilos establécese que os centros docentes permanezan abertos no seu horario habitual, coa necesaria presenza nos ditos centros do/da director/a, ou, de ser o caso, doutro membro do equipo directivo que o/a substitúa, xa que tales membros do equipo directivo teñen a representación do centro e garanten o cumprimento das leis e demais disposicións vixentes, como sinalan as alíneas a) e d) do artigo 132 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, publicada no BOE do 4 de maio e, por tanto, están capacitados e facultados para resolver calquera incidencia respecto da seguridade dos menores de idade. Así mesmo, consonte a normativa citada, o director tamén está facultado e capacitado para resolver calquera incidencia que se poida producir respecto do conxunto dos bens que integran un centro docente.

A presenza dun subalterno ou subalterna deriva das funcións que a este tipo de persoal competen respecto do coidado e vixilancia das instalacións e do control de entrada e saída do centro educativo, tanto para evitar a entrada de persoas alleas ao centro como para evitar a saída dos menores de idade cando non corresponda.

Dentro do deber de outorgar protección básica ao menor de idade debemos incluír a súa alimentación, así, cando un servizo público asume esta responsabilidade, non pode desatendela, o que motiva que unha persoa con funcións de cociña deba permanecer nos centros educativos ordinarios con servizo de comedor.

O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores que, como se dixo, non pode ser paralizado, inclúe a actividade básica de coidar a integridade física e hixiene daqueles que, por teren diminuídas as súas capacidades, necesitan unha constante vixilancia e atención (artigo 49 da Constitución) por parte de coidadores de alumnado con necesidades educativas especiais presentes nos centros docentes ordinarios. O alumnado dos centros de educación especial ten unhas necesidades relativas á súa atención aínda máis reforzadas, polo que debe haber unha presenza mínima de persoal sanitario, persoal coidador, de comedores e de limpeza. A determinación dos anteditos servizos mínimos por porcentaxes nos centros de educación especial considérase como criterio máis apropiado para a fixación do persoal que debe prestalos, dada a diversidade existente na dimensión e tamaño dos diferentes centros desa tipoloxía que hai na nosa comunidade.