Prórroga da sección bilingüe de lingua inglesa no Conservatorio Superior de Música de Vigo.


23 Out, 2018

DOGRESOLUCIÓN do 10 de outubro de 2018, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, de prórroga da sección bilingüe de lingua inglesa no Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Mediante a Orde do 7 de xullo de 2016 (DOG do 20 de xullo), autorizouse a posta en marcha, con carácter experimental, dunha sección bilingüe de lingua inglesa no Conservatorio Superior de Música de Vigo.

O artigo 9 da devandita orde establece que o proxecto ten unha duración de dous cursos académicos, prorrogables en períodos de dous cursos académicos, logo do informe favorable do Servizo de Inspección Educativa emitido, tendo en conta a adecuación ás condicións e obxectivos indicados na súa posta en marcha e a permanencia das circunstancias que xustificaron a súa implantación.

Igualmente, na disposición derradeira primeira da citada orde autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para ditar cantas normas se consideren oportunas para o desenvolvemento desta.

Emitidos os correspondentes informes favorables polos servizos de Inspección Educativa, de acordo co establecido no artigo 9 da citada orde,

Primeiro. Prorrogar, por un período de dous anos, a sección bilingüe de lingua inglesa no Conservatorio Superior de Música de Vigo, coa finalidade de favorecer a práctica do inglés entre o alumnado do dito centro.

Segundo. Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.