Programa de dobre titulación de Bacharelato e Baccalauréat -Bachibac para o curso 2018/19


28 Mai, 2018

DOG - RESOLUCIÓN do 21 de maio de 2018, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se regula a incorporación e impartición do programa de dobre titulación de Bacharelato e Baccalauréat -Bachibac- nos centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2018/19.

Co obxecto de continuar coas accións de mellora enmarcadas na Estratexia galega de linguas estranxeiras EDUlingüe 2020, así como a vontade de seguir promovendo a cooperación en materia educativa con Francia, procede a regulación da implantación do programa de dobre titulación de Bacharelato e Baccalauréat –Bachibac– en centros educativos de Galicia para o curso 2018/19.

Primeiro. A regulación e convocatoria da incorporación e impartición do programa de dobre titulación de Bacharelato e Baccalauréat –Bachibac– en centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2018/19 estará dispoñible na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria www.edu.xunta.gal/portal.

Segundo. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da presente resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo cadra inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Terceiro. Os centros docentes que desexen impartir o programa Bachibac deberán formular a súa solicitude ante a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa conforme o modelo que figura como anexo I da convocatoria e dirixila á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.