Probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 2 e 4, no ano 2018.


14 Set, 2018

DOGRESOLUCIÓN do 7 de setembro de 2018, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 2 e 4, no ano 2018 (ED114A).

 Tras constatarse un elevado incremento do número de persoas que se presentaron ás probas de maio e xuño, considérase necesario darlle continuidade á realización deste tipo de probas ao longo deste ano. É por iso que cómpre efectuar unha segunda convocatoria en 2018, co fin de satisfacer a demanda cidadá.

As persoas maiores de dezaseis anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria, nacionais ou estranxeiras.

As probas do Celga 2 e do Celga 4 terán lugar entre a segunda quincena de novembro e a primeira fin de semana de decembro de 2018 en Santiago de Compostela e Ponferrada. As datas concretas serán debidamente publicitadas no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal).

As persoas que desexen inscribirse nas probas Celga deberán cubrir o formulario de solicitude, segundo o modelo ED114A, que se publica como anexo I desta resolución, e aboar a taxa que se indica na convocatoria.

O formulario de solicitude estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal. Deberán indicar nel a proba ou as probas a que solicitan presentarse, así como a localidade, e dirixilo á Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O prazo de presentación das solicitudes, así como o de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame, será de 20 días naturais, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, este entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.