Calendario para a celebración de elección de membros dos CONSELLOS ESCOLARES


08 Out, 2018

WEBRESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2018, conxunta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se establece o calendario para a celebración de eleccións de membros dos consellos escolares de centros docentes sostidos con fondos públicos.

As eleccións dos representantes dos distintos sectores da comunidade educativa no consello escolar realizaranse entre os días 26 e 30 de novembro de 2018, ambos os dous incluídos. Non obstante, co fin de fomentar a participación de todos os sectores implicados, é desexable que, dentro das posibilidades de cada centro, a xunta electoral fixe unha única data para as votacións correspondentes, de acordo co procedemento establecido.

As eleccións para a primeira constitución do consello escolar nos centros que iniciaron o seu funcionamento no curso 2018/19 realizaranse entre os días 12 e 16 de novembro de 2018, ambos os dous incluídos. Non obstante, co fin de fomentar a participación de todos os sectores implicados, é desexable que, dentro das posibilidades de cada centro, a xunta electoral fixe unha única data para as votacións correspondentes:

a) Para os centros de educación infantil, primaria e secundaria, de acordo coa Orde desta consellería do 21 de outubro de 1996.

b) Para os centros públicos integrados, no artigo 11 do Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro.

c) Para os centros públicos de ensino non universitario de características singulares, de educación especial e de educación de adultos, na Orde desta consellería do 29 de outubro de 1996, corrección de erros no DOG do 15 de novembro

1. A acta do escrutinio da votación de cada mesa electoral, á cal se refire o artigo 50 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, na súa redacción dada polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, farase segundo o modelo que se publica como anexo I a esta resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, a dirección do centro, como presidencia da xunta electoral, unha vez proclamados os candidatos e candidatas elixidos, dará traslado das copias das actas de cada mesa electoral ao xefe ou xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

3. Logo da constitución do consello escolar, á que se refire o artigo 52 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, a dirección do centro remitirá ao xefe ou xefa territorial, antes do 20 de decembro de 2018, o informe de seguimento que se publica como anexo II a esta resolución.