Instrucións sobre o pago ao persoal do Sector Público Estatal da subida salarial


19 Xul, 2018

BOE - Resolución do 17 de xullo de 2018, conxunta da Secretaría de Estado de Orzamentos e Gastos e a Secretaría de Estado de Función Pública, pola que se ditan instrucións sobre o pago ao persoal do Sector Público Estatal dos atrasos correspondentes ao incremento do 1,5 por cento e ao incremento adicional do 0,25 por cento previstos na Lei 6/2018, do 3 de xullo, de Orzamentos Xerais do Estado para 2018.


A Lei 6/2018, do 3 de xullo, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2018, autoriza no seu artigo 18.dous un aumento do 1,5 por cento das retribucións do persoal do Sector Público, con efectos do 1 de xaneiro de 2018. Ademais, establece un incremento adicional do 0,25 por cento, con efectos do 1 de xullo de 2018, para o suposto de que o incremento do Produto Interior Bruto (PIB) a prezos constantes en 2017 alcance ou supere o 3,1 por cento.

Por outra banda, a Lei 6/2018 establece as contías das retribucións do sector público estatal nas que só se reflicte o incremento do 1,5 por cento, pero non as que se derivan da porcentaxe adicional de incremento, que estaba supeditado ao cumprimento das condicións que sinala a Lei e á súa aprobación polo Consello de Ministros, o que se produciu con data 13 de xullo de 2018.

Unha vez que resulta de aplicación este aumento adicional, considerouse oportuno que as contías correspondentes, aplicado o citado incremento, estean accesibles no Portal da Administración Orzamentaria.

En canto ao persoal laboral do sector público estatal, a aplicación efectiva do aumento xeral do 1,5 por cento e do adicional do 0,25 por cento, queda demorada á autorización da masa salarial e posterior negociación colectiva nos supostos en que resulta necesario en virtude das previsións da Lei. Por iso, co fin de facilitar a confección das nóminas dos altos cargos, persoal directivo e demais persoal para o que a Lei autoriza de forma directa a aplicación dos aumentos sinalados, considerouse oportuno ditar as seguintes instrucións, en aplicación do disposto na Lei de Orzamentos Xerais do Estado.