Volver

Galicia Mai 03, 2019

Instruccións para a avaliación individualizada de 3º de PRIMARIA


DOG - RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2019, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2018/19.

Esta avaliación individualizada terá carácter censual e aplicarase a todo o alumnado que no curso 2018/19 estea realizando terceiro curso de educación primaria en centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta avaliación ten carácter informativo e orientador para os alumnos e alumnas e familias, equipos docentes, centros e Administración educativa. Complementa a información que reciben e orienta a toma de decisións na elaboración de plans de mellora.

1. Na avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria avaliarase a competencia en comunicación lingüística e a competencia matemática. 

2. Os referentes para a valoración do grao de adquisición das devanditas competencias serán os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe avaliables para o terceiro curso de educación primaria que figuran nos anexos I e III do Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

A aplicación das probas da avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria realizarase os días 28 e 29 de maio de 2019.

No caso de que algún centro non poida realizar algunha das probas nas datas establecidas, por coincidir cun día non lectivo no centro ou por circunstancias sobrevidas que imposibiliten a súa realización, a dirección do centro afectado comunicarao á inspección correspondente cunha antelación mínima de cinco días hábiles ao inicio da proba. A inspección do centro adoptará as medidas necesarias para que se realicen as probas nunha data inmediatamente posterior.

 Os centros docentes disporán ata o día 12 de xuño incluído para a corrección da proba e a gravación dos datos.

Os centros docentes, a través dos seus órganos colexiados, realizarán unha análise dos resultados obtidos polo seu alumnado na avaliación individualizada de terceiro curso de primaria e unha reflexión interna para establecer as accións de mellora pertinentes, que serán incorporadas á súa programación xeral anual. 

De resultar desfavorable esta avaliación, o equipo docente deberá adoptar as medidas ordinarias ou extraordinarias máis adecuadas. Estas medidas fixaranse en plans de mellora de resultados colectivos ou individuais que permitan solucionar as dificultades, en colaboración coas familias e mediante recursos de apoio educativo.

 


#Alumnado #Avaliación

Volver