Volver

Galicia Mai 03, 2019

Instruccións para a avaliación final de Educación PRIMARIA


DOGRESOLUCIÓN do 15 de abril de 2019, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación final de educación primaria nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso escolar 2018/19.

Esta avaliación terá carácter mostral e unha finalidade diagnóstica. Aplicarase ao alumnado matriculado en sexto curso de educación primaria nos centros docentes seleccionados para formar a mostra.

A avaliación final de educación primaria ten como finalidade comprobar o grao de adquisición da competencia en comunicación lingüística, da competencia matemática e das competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, con vistas á mellora da calidade e da equidade do sistema educativo.

Os referentes para a valoración do grao de adquisición das devanditas competencias serán os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe avaliables para sexto curso de educación primaria recollidos nos anexos I e III do Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

A aplicación das probas realizarase os días 28 e 29 de maio de 2019.

No caso de que algún centro docente non poida realizar algunha das probas nas datas establecidas no punto anterior, por coincidir cun día non lectivo no centro docente ou por circunstancias sobrevidas que imposibiliten a súa realización, a dirección do centro comunicarao á Inspección educativa e á comisión local establecida no punto noveno desta resolución, cunha antelación mínima de cinco días hábiles ao inicio da proba. A comisión, oída a inspección do centro, adoptará as medidas necesarias para que se realicen as probas nunha data inmediatamente posterior.

1. Elaborarase un informe en que se reflectirán os resultados obtidos, expresándoos en seis niveis de desenvolvemento competencial, que se nomearán do nivel 1 ao 6. Os resultados poñeranse en coñecemento da comunidade educativa mediante un resumo dos indicadores recollidos no anexo I da Orde ECD/393/2017, do 4 de maio, considerando os factores socioeconómicos e socioculturais do contexto.

2. Os centros docentes obterán un informe de centro que incluirá indicadores de entre os recollidos no anexo II da Resolución do 30 de marzo de 2016, da Secretaría de Estado de Educación, Formación Profesional e Universidades, pola que se definen os cuestionarios de contexto e os indicadores comúns de centro para a avaliación final de educación primaria

A Administración educativa, a través da Inspección educativa, requirirá, dunha mostra significativa de centros docentes os materiais das probas da avaliación, co fin de realizar unha segunda corrección que contribúa ao control da calidade do proceso.

Corresponde á Inspección educativa supervisar e velar polo correcto desenvolvemento da avaliación nos centros docentes do seu ámbito e participar na corrección de contraste.


#Alumnado #Avaliación

Volver