Currículo de Técnico Superior en Promoción de Igualdade de Xénero


13 Ago, 2018

DOGDECRETO 80/2018, do 21 de xuño, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Promoción de Igualdade de Xénero.

DOG - CORRECCIÓN DE ERROS. Decreto 80/2018, do 21 de xuño, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Promoción de Igualdade de Xénero.

– Familia profesional: Servizos Socioculturais e á Comunidade.

A competencia xeral do título de técnico superior en Promoción de Igualdade de Xénero consiste en programar, desenvolver e avaliar intervencións relacionadas coa promoción da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes, aplicando estratexias e técnicas do ámbito da intervención social, detectando situacións de risco de discriminación por razón de sexo e potenciando a participación social das mulleres.

1. As persoas que obteñan este título han exercer a súa actividade no ámbito público e privado, no sector da prestación de servizos de igualdade de xénero, en diferentes institucións e entidades que prestan servizos de carácter económico e comunitario orientados á igualdade efectiva de mulleres e homes: asociacións, fundacións, institucións, sindicatos, empresas, consultoras, servizos municipais, organismos de igualdade, centros comunitarios, etc.

2. As ocupacións e os postos de traballo máis salientables son os seguintes:

– Promotor/ora de igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes.

– Promotor/ora para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

– Técnico/a de apoio en materia de igualdade efectiva de mulleres e homes.

Artigo 12. Profesorado

1. A docencia dos módulos profesionais que constitúen as ensinanzas do ciclo formativo de grao superior de Promoción de Igualdade de Xénero correspóndelle ao profesorado do corpo de catedráticos e catedráticas de ensino secundario, do corpo de profesorado de ensino secundario e do corpo de profesorado técnico de formación profesional, segundo proceda, das especialidades establecidas no anexo III A), así como ao profesorado especialista que se incorpore de conformidade co artigo 95 da Lei 2/2006, do 3 de maio, de educación.

2. As titulacións requiridas para acceder aos corpos docentes citados son, con carácter xeral, as establecidas no artigo 13 do Real decreto 276/2007, do 23 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, accesos e adquisición de novas especialidades nos corpos docentes a que se refire a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e se regula o réxime transitorio de ingreso a que se refire a disposición transitoria décimo sétima da devandita lei. As titulacións equivalentes ás anteriores para os efectos de docencia, para as especialidades do profesorado, son as recollidas no anexo III B).