Nos centros de estudos galegos na University of Oxford e na Universidade do País Vasco
A contratación por parte das universidades das persoas seleccionadas abranguerá, como máximo, un período que non excederá os tres anos.
O importe íntegro anual que percibirán os adxudicatarios tamén se indica, respecto de cada praza, no anexo II.
O programa de formación, que terá un marcado carácter práctico, estará integrado por actividades relacionadas coa: docencia, a programación e organización de tarefas, a investigación, a difusión e a promoción da lingua a literatura e a cultura galegas. As persoas adxudicatarias desenvolverán estas actividades, no marco do convenio asinado coas universidades de destino, baixo a dirección do responsable do centro de estudos galegos e en permanente coordinación con este.
Poderán participar nesta convocatoria as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
Estar en posesión da nacionalidade española ou de calquera dos países membros da Unión Europea.
– Non padecer enfermidade ou limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles co desenvolvemento das actividades obxecto desta convocatoria.
– Non superar os 35 anos de idade na data de remate da presentación de solicitudes.
– Non atoparse incluídas en ningunha das prohibicións sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Poderá solicitar todas as prazas ofertadas quen estea en posesión dalgunha das seguintes titulacións:
Licenciatura en Filoloxía Galega.
Licenciatura en Filoloxía Románica, sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida fose o galego.
Grao en Lingua e Literatura Galegas.
Grao en Estudos de Galego e Español.
Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios.
Poderá solicitar a praza localizada no Reino Unido quen estea en posesión dalgunha das seguintes titulacións:
• Licenciatura en Tradución e Interpretación, sempre que, como mínimo, acredite 27 créditos en materias de galego e 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de Inglés.
• Grao en Tradución e Interpretación, sempre que, como mínimo, acredite 30 créditos en materias de galego e 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de Inglés.
2. Tamén poderán participar os lectores ou lectoras que, antes de rematar o período máximo de estadía, se visen obrigados a cesar na súa condición por causas alleas á súa vontade, sempre que esta circunstancia non derivase da resolución dun procedemento de tipo disciplinario.
3. Quedan excluídas aquelas persoas que sexan lectores ou lectoras de lingua, literatura e cultura galegas, ou que o fosen no seu momento, agás nos supostos de cobertura provisional previstos no artigo 14.
As solicitudes presentaranse no modelo normalizado recollido como anexo I nesta orde. O formulario da solicitude estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal, e na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no enderezo http://www.lingua.gal/portada.
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.