Volver

Galicia Mai 25, 2018

Convocatoria pública de dúas bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas


DOG - ORDE do 4 de maio de 2018 pola que se aproban as bases e se anuncia a convocatoria pública de dúas bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas (ED110A).

Nos centros de estudos galegos na Université de la Sorbonne Nouvelle, París III e na Universidade de Sâo Paulo

O programa de formación das persoas seleccionadas terá unha duración máxima de tres (3) anos.

O programa de formación, que terá un marcado carácter práctico, estará integrado por actividades relacionadas coa docencia, a programación e organización de tarefas, a investigación, a difusión e a promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas. As persoas adxudicatarias desenvolverán estas actividades, no marco do convenio asinado coas universidades de destino, baixo a dirección do responsable do centro de estudos galegos e en permanente coordinación con este.

As ditas actividades non se limitarán ao ámbito académico universitario senón que tamén abranguerán a súa área de influencia.

Poderán participar nesta convocatoria as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

– Estar en posesión da nacionalidade española ou de calquera dos países membros da Unión Europea.

– Non padecer enfermidade ou limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles co desenvolvemento das actividades obxecto desta convocatoria.

– Non superar os 35 anos de idade na data de remate da presentación de solicitudes.

– Non atoparse incluídas en ningunha das prohibicións sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Titulación académica:

• Poderá solicitar calquera das prazas ofertadas quen estea en posesión dalgunha das seguintes titulacións:

- Licenciatura en Filoloxía Galega.

- Licenciatura en Filoloxía Románica, sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida sexa o galego.

- Grao en Lingua e Literatura Galegas.

- Grao en Estudos de Galego e Español.

- Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios.

• Poderá solicitar a praza de Francia quen estea en posesión dalgunha das seguintes titulacións:

- Licenciatura en Tradución e Interpretación, sempre que, como mínimo, acredite 27 créditos en materias de galego e 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se encontre o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de inglés.

- Grao en Tradución e Interpretación, sempre que, como mínimo, acredite 30 créditos en materias de galego e 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de inglés.

2. Tamén poderán participar os lectores ou lectoras que, antes de remataren o período máximo de estadía, se visen obrigados a cesar na súa condición por causas alleas á súa vontade, sempre que esta circunstancia non derive da resolución dun procedemento de tipo disciplinario.

3. Quedan excluídas aquelas persoas que sexan lectores ou lectoras de lingua, literatura e cultura galegas, ou que o fosen no seu momento, agás nos supostos de cobertura provisional previstos no artigo 18.

As solicitudes presentaranse no modelo normalizado recollido como anexo I nesta orde. O formulario da solicitude estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal, e na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no enderezo http://www.lingua.gal/portada

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.


#Universidade #Premios, Becas e Axudas

Volver