ANPE pide aos pais e nais un USO RESPONSABLE do whatsapp


27 Set, 2018

NP - ANPE PIDE AOS PAIS E NAIS UN USO RESPONSABLE DOS GRUPOS DE WHATSAPP E RESPECTO AO PROFESORADO

ANPE a través do seu servizo do Defensor do Profesor advirte do incremento das denuncias por insultos ou difamacións aos docentes a través dos grupos de WhatsApp de pais e nais. Neste sentido, a Fiscalía Xeral do Estado tamén advertiu do uso de chats por parte dos pais nos que «se falta o respecto ao profesorado, a compañeiros e á comunidade educativa». E o Ministerio Público incide, na súa memoria anual, na importancia da prevención e a educación no uso das novas tecnoloxías, que «non debe restrinxirse aos menores, senón tamén aos pais».

Os grupos de WhatsApp de pais e nais, unha ferramenta comunmente utilizada na contorna dos centros educativos pódese converter, nalgúns casos, na vía máis rápida para criticar ao docente ou o seu labor. Por iso, ANPE lembra que para calquera queixa ou suxestión débense utilizar as canles establecidas e non tratar de solucionalo por este medio que desvirtúa a comunicación directa que ten que existir entre a familia e o centro.

ANPE defenderá aos docentes contra estas prácticas e solicita cooperación ás familias para frear as faltas de respecto cara ao profesorado que se poidan dar por este medio e ademais advirte de que a difusión e publicidade de inxurias ou calumnias a través destes grupos podería ter a consideración de delito.

Para ANPE os grupos de WhatsApp de pais e nais poden ser moi útiles para intercambiar información sobre actividades escolares e extraescolares do centro, pero nunca deben utilizarse para criticar, insultar ou difamar aos docentes, a outros pais e nais ou aos propios alumnos e alumnas.

Por todo iso, ANPE iniciou unha campaña para informar sobre as utilidades dos devanditos grupos e o bo uso que pais e nais deben facer deles, a través dun decálogo de boas prácticas que difundirá por todos os centros educativos.

Debemos coidar e establecer unhas normas do bo uso das diferentes vías de comunicación entre as familias e os docentes que resulta esencial para a formación dos alumnos e a boa convivencia no centro educativo.

                                                                                                                                        Santiago, 26 de setembro de 2018