ANPE Galicia convocada para reunión informativa coa conselleira despois de insistir reiteradamente


21 Abr, 2020

WEB - ANPE Galicia foi convocado a unha reunión informativa por videoconferencia coa conselleira de educación despois da nosa insistencia reiterada.

 O vindeiro xoves, 23 de abril ás 17 horas o presidente de ANPE Galicia, Julio Díaz, participará na videoconferencia como representante de ANPE. En dita reunión estarán tamén presentes o resto de OOSS tanto da pública como da privada e representantes de ANPAS. A convocatoria  só indica que  seremos INFORMADOS (non sabemos de que temas).

Esto non é o que solicitou ANPE como un dos sindicatos representantes do profesorado galego, senón unha mesa negociadora para tratar as cuestións mais relevantes por ter unha incidencia directa no profesorado galego: oposicións docentes e medidas a adoptar ata finais de curso. ANPE Galicia protestará formalmente polo feito de que a reunión sexa meramente informativa e non se tivese en conta, en ningún momento, na toma de decisións finais aos representantes lexítimos do profesorado.

  ANPE Galicia esixirá, entre outras cousas:

1.- Coñecer o posicionamento final da Consellería de Educación en relación á celebración das oposicións docentes. Incidir na necesidade do seu aprazamento ao 2021 por falta de garantías sanitarias para a súa celebración insistindo en que non se perda ningunha das prazas convocadas na OEP 2020 máis as que se poidan ofertar a maiores no 2021.
2.- Coñecer a planificación da Consellería de Educación sobre a volta do alumnado ás actividades lectivas presenciais insistindo na necesidade de preservar, por riba de todo, a saúde de toda a comunidade educativa; así como a planificación deste final de curso e do comezo do vindeiro en canto a medidas de protección e de seguridade laboral da comunidade educativa, espazos, quendas de asistencia, etc. Así mesmo deben elaborarse unhas instrucións claras e detalladas con todos os aspectos organizativos dos mesmos.
3.- Coñecer e insistir na necesidade de ter uns criterios de titulación e de promoción do alumnado comúns para todo o Estado que eviten situacións de desigualdade entre diferentes comunidades autónomas.
4.- Esixir unha planificación axeitada para evitar posibles colapsos en prazos administrativos e convocatorias pendentes unha vez levantado o Estado de Alarma: comisións de servizos, concurso de adxudicación de destinos provisionais, renovación de direccións, admisión de alumnado. Deben elaborarse instrucións claras e detalladas ao respecto.
5.- Esixir a creación dun plan de potenciación e mellora do ensino telemático e de dotación de medios e recursos tanto para profesorado como para alumnado que eliminen as actuais diferenzas fundamentalmente entre o alumnado e en previsión de que no vindeiro curso se poidan altenar períodos de ensino on line con períodos de ensino presencial en función da evolución da situación sanitaria.