ANPE consigue arrancar a negociación en Galicia para a equiparación salarial


14 Mai, 2018

NP - ANPE CONSIGUE ARRANCAR A NEGOCIACIÓN PARA A EQUIPARACIÓN SALARIAL COS DOCENTES DAS DISTINTAS COMUNIDADES AUTÓNOMAS E CALIFICA DE INSUFICIENTE O ACORDO ASINADO NA MESA XERAL DA FÚNCIÓN PÚBLICA DO ESTADO.

Máis de 30.000 sinaturas apoian xa a petición de ANPE de equiparación salarial.

Os corpos docentes son os únicos corpos funcionariais de carácter estatal, é dicir, o seu ingreso, aceso e mobilidade por todo o Estado está regulado a nivel nacional e é idéntico en tódalas Comunidades Autónomas, pero, á súa vez, están transferidos ás Comunidades e as súas retribucións son aboadas polas mesmas. Así, nos derradeiros anos, a brecha salarial foi aumentando progresivamente, chegando a ser, nalgúns casos, de máis de 6.000 euros anuais por realizar as mesmas funcións e accedendo cos mesmos requisitos e condicións, simplemente dependendo da Comunidade Autónoma na que se estea traballando.

            A o anteriormente exposto hai que engadir que algunhas Comunidades Autónomas teñen unha carreira profesional retribuída, mentres que outras non incentivan a formación nin a participación nos proxectos dos centros educativos. Outras teñen complementos por formación permanente, titoría, coordinación de nivel ou ciclo, xefatura de departamento, residencia, perigosidade, mestres en IES, entre outros, que son retribuídos ou non en función da Comunidade onde se traballa, ou ben hai importantes diferenzas salariais. Do mesmo xeito que hai tamén complementos por exercer cargos directivos nos nosos centros educativos que son retribuídos de maneira desigual segundo a autonomía nos que se exerzan, aínda cando os centros educativos sexan de idénticas características.

            Esta brecha salarial e trato desigual chega tamén ao profesorado interino, xa que nalgunhas Comunidades Autónomas perciben os mesmos complementos que os funcionarios de carreira, como sexenios, tal e como é o caso de Galicia, e noutras non. Ao igual que algunhas autonomías lles aboan os meses de verán e noutras, co mesmo tempo de servizo, non o fan.

Por todo iso, esixiremos na negociación pola equiparación salarial docente,  que establezan unhas estruturas salariais comúns, equiparando as retribucións básicas e complementarias ás das Comunidades Autónomas con mellores salarios para rematar así coa desigualdade existente actualmente nos corpos docentes en función da autonomía na que se estea a traballar.

 

Por outra banda ANPE Galicia rexeita o acordo asinado co Ministerio de Facenda e Función Pública por insuficiente xa que consideramos que soamente vai a permitir recuperar un 0,48 % anual ao non ter en conta o IPC nas subidas pactadas.

 Para ANPE o Acordo, asinado o pasado 9 de marzo polos sindicatos CSIF, UXT e CCOO co Goberno, é insuficiente pois esquécese do profesorado en moitas das súas medidas e non recolle as cuestións máis demandadas polo colectivo e que ANPE leva anos reclamando.