ANPE considera prioritario preservar a saúde do alumnado e o profesorado


11 Mar, 2020

WEB - ANPE respalda as recomendacións e medidas adoptadas polas autoridades competentes para frear o coronavirus

Enfrontámonos a un escenario novo en continuo cambio co aumento exponencial nos últimos días de afectados polo COVID-19 onde varias comunidades autónomas tomaron a medida de pechar aulas ou centros educativos. Aínda que tal vez, fora desexable que desde o goberno central algunhas medidas se tiveran adoptado antes, ANPE recomenda serenidade e seguir en todo momento as indicacións das autoridades competentes.

O Ministerio de Sanidade en coordinación co Ministerio de Educación e Formación Profesional están dando unha serie de recomendacións preventivas á cidadanía, avalados por expertos cunha formación específica sobre este tema e con información de primeira man. Pola súa parte, as diferentes autoridades competentes nas súas respectivas Comunidades Autónomas, concretamente as Consellerías de Educación están tomando medidas nos centros educativos de acordo coa evolución do coronavirus. ANPE apoia estas decisións e pide que a información e as instrucións que se transmita aos centros educativos e ás familias sexan claras, rigorosas e transparentes.

ANPE considera conveniente que os docentes e o resto de persoal destes centros educativos deban cumprir coa súa xornada laboral habitual a través do sistema de teletraballo desde o domicilio particular e facelo compatible coa apertura do centro a través da flexibilidade horaria, quendas escalonadas e reunións por videoconferencia; así se garante, aínda que sexa por medios non presenciais, a continuidade das actividades docentes e posibilitar que os alumnos poidan seguir con garantías suficientes os seus estudos e protexer aos grupos de risco, entre os que tamén se atopan os profesores con afeccións crónicas. Toda a actividade educativa a distancia e online tería que ser desenvolta grazas aos medios telemáticos cos que contan as diferentes Consellerías de Educación. Sen embargo, ANPE critica que non todos os centros educativos están preparados con estes medios nin todos os alumnos teñen conexión a internet ou dispositivos electrónicos nos seus fogares.

A nosa maior preocupación é o alumnado de 2º de Bacharelato coa preparación da proba ABAU. Se esta situación se demora haberá que unificar criterios e plantexarse non examinar dos contidos que non foran impartidos por esta causa.

ANPE considera prioritario preservar e velar pola saúde do alumnado, o profesorado e toda a comunidade educativa. Seguiremos de cerca todas as recomendacións e acataremos todas as medidas e decisións que se ditaminen desde as Consellerías de Educación para evitar a expansión do coronavirus nos centros e entre a comunidade educativa.