Adxudicación dunha bolsa de formación nun lectorado de lingua, literatura e cultura galegas


25 Set, 2018

DOGRESOLUCIÓN do 13 de setembro de 2018, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se adxudica unha bolsa de formación nun lectorado de lingua, literatura e cultura galegas, convocada mediante a Orde do 4 de maio de 2018 (ED110A).

A Orde do 4 de maio de 2018 (DOG núm. 99, do 25 de maio) establece as bases e anuncia a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva e con sometemento aos principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, mérito e capacidade, de dúas bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas nos centros de estudos galegos localizados noutras tantas universidades de fóra de Galicia.

Logo de ver a proposta de resolución definitiva de adxudicación das ditas bolsas de formación e a certificación, remitidas ambas pola subdirectora xeral de Política Lingüística en cumprimento do establecido no artigo 16.2 da antedita orde, acompañadas da acta da comisión de valoración constituída ao abeiro do artigo 15.5 da referida orde e da resolución definitiva de admitidos e excluídos, este secretario xeral, en uso das facultades que lle son expresamente delegadas en virtude da disposición adicional única da Orde do 4 de maio de 2018,

DISPÓN:

Artigo 1

Adxudicar a bolsa de formación no lectorado de lingua, literatura e cultura galegas do centro de estudos galegos localizado na Universidade Sorbonne Nouvelle (París), coas condicións establecidas na orde da convocatoria e polo período que se indica, á persoa relacionada no anexo.

Artigo 2

Deixar sen efecto a bolsa convocada na Universidade de São Paulo (São Paulo) debido á denuncia do convenio por parte da universidade.

Artigo 3

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o/a titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.