Admisión de alumnado nas ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño


22 Mai, 2018

DOG - RESOLUCIÓN do 7 de maio de 2018, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o acceso e a admisión do alumnado nas ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño para o curso 2018/19.

1. A inscrición para o acceso e admisión farase na secretaría da Escola de Arte e Superior de Deseño pública elixida en primeiro lugar na cal se impartan as correspondentes ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño.

2. O prazo para a inscrición comprende desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG ata o día 25 de xuño, para os ciclos de grao superior, e ata o 6 de setembro para os ciclos de grao medio. Para tal fin, as escolas de arte e superiores de Deseño deberán expor nos seus taboleiros de anuncios a seguinte información:

a) Normativa reguladora de admisión do alumnado.

b) Prazas que oferten nos diferentes ciclos que teñan autorizados.

c) Calendario de publicación da relación de alumnado admitido, así como dos prazos para presentar reclamacións.

d) Calendario e normas para formalizar a matrícula.

3. Para formalizar as solicitudes de admisión, as escolas de arte e superiores de deseño onde se impartan estas ensinanzas facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo para o efecto. Unha vez cuberto, entregarase unha única solicitude na secretaría da escola á cal se queira acceder como primeira ou única opción, xunto coas copias cotexadas da documentación que proceda.

As persoas aspirantes que detecten erros ou exclusións nas listaxes provisionais de admitidos ao acceso e admisión a ciclos formativos de grao superior poderán presentar por escrito a correspondente reclamación na escola onde se inscribisen, durante os días 27 e 28 de xuño.

Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, as escolas publicarán nos seus taboleiros de anuncios e nas súas páxinas web a relación definitiva de persoas inscritas para o acceso e admisión a ciclos formativos de grao superior e remitirán por correo electrónico, sxapere@edu.xunta.es, a dita relación á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa o día 29 de xuño.

 A relación definitiva de persoas inscritas será exposta no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria http://www.edu.xunta.gal o día 2 de xullo.