Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE)


20 Mai, 2019

DOGORDE do 7 de maio de 2019 pola que se convocan prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ao Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE), para o ano 2019 (código de procedemento ED305F).

Artigo 2. Modalidade das prazas convocadas

1. Modalidade 1: integración en centros de Canadá, Francia e Portugal durante 4 semanas no primeiro trimestre do curso 2019/20 para profesorado especialista impartindo no idioma correspondente.

2. Modalidade 2: curso no estranxeiro de dúas semanas de duración en Reino Unido ou Irlanda, Francia, Portugal ou Alemaña no primeiro trimestre do curso 2019/20 para profesorado especialista impartindo no idioma correspondente.

3. Modalidade 3: curso en Galicia dunha semana de duración en réxime de internado, que se desenvolverá durante o mes de xullo de 2019 para profesorado especialista e aquel que teña previsto impartir en seccións bilingües ou centros plurilingües.

As persoas solicitantes deben ser funcionarios/as de carreira ou funcionarios/as en prácticas dos corpos docentes detallados neste artigo que estean a impartir docencia en centros educativos públicos de ensinanzas non universitarias. No caso dos funcionarios/as en prácticas, poderán participar nas actividades formativas sempre e cando estas se desenvolvan fóra do período efectivo de prácticas.

Cada docente realizará unha única solicitude con elección por orde de prioridade das actividades formativas en que desexe participar e a adxudicación será a unha das actividades segundo a orde de prioridade marcada. No caso de que non se lle adxudique ningunha actividade, pasará a estar na listaxe de suplentes para todas as actividades solicitadas.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado ED305F dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/

2. O prazo para a presentación de solicitudes será de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. O modelo de solicitude (anexo I) inclúe unha declaración responsable pola que a persoa solicitante declara que o nivel de coñecemento de linguas estranxeiras do MCERL alegado na solicitude é o nivel máximo que ten acreditado na data de presentación da solicitude, de acordo co establecido na Orde do 18 de febreiro de 2011 pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes desta consellería (DOG do 26.4.2011) modificada pola Orde do 21 de xuño de 2016 (DOG do 7.7.2016).

4. Antes da realización da solicitude na sede electrónica, a persoa interesada deberá gravar na aplicación informática do programa https://www.edu.xunta.es/piale/ os datos específicos das actividades formativas en que lle interese participar. Esta aplicación creará un código de solicitude necesario para cubrir o formulario na sede electrónica e xerará o arquivo electrónico correspondente.