LEI 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia


28 Dec, 2018

DOG LEI 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

O título II, relativo aos «Gastos de persoal», estrutúrase en catro capítulos.

O capítulo I, dedicado aos gastos do persoal ao servizo do sector público, consolida no ano 2019 o incremento das retribucións do persoal ao servizo do sector público, en aplicación do establecido na Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018.

Así mesmo, recolle que para o ano 2019 só se poderá proceder, no sector público, á incorporación de novo persoal con suxeición aos límites e requisitos establecidos na normativa básica estatal, respectando, en todo caso, as dispoñibilidades orzamentarias do capítulo I dos correspondentes orzamentos de gastos. No resto do capítulo regúlase a contratación de persoal laboral temporal, de funcionario interino e de persoal vinculado ás encomendas de xestión.

O capítulo II, baixo a rúbrica «Dos réximes retributivos», establece que para o ano 2019 as retribucións dos altos cargos e outro persoal directivo, das persoas titulares das delegacións da Xunta de Galicia no exterior e dos consellos de administración non experimentarán incremento respecto das vixentes no ano 2018. Igualmente, no que atinxe o persoal funcionario, o persoal laboral, o persoal ao servizo das institucións sanitarias e mais o persoal dos corpos de funcionarios ao servizo da Administración de xustiza, aquelas manteranse nas contías vixentes no 31 de decembro de 2018.

Todo isto sen prexuízo do establecido na disposición adicional décimo cuarta, que establece que as retribucións do persoal do sector público previstas para o ano 2019 serán obxecto de adecuación ao previsto no II Acordo Goberno-sindicatos para a mellora do emprego público e as condicións de traballo, do 9 de marzo (Boletín Oficial del Estado do 26 de marzo de 2018), no momento en que se habilite pola normativa da Administración xeral do Estado. Polo tanto, en previsión da aplicación do disposto na disposición adicional décimo cuarta dótase un fondo retributivo que permita asumir o incremento previsto no sinalado acordo.

Para o suposto de que muden as condicións retributivas do persoal ao servizo do sector público na normativa estatal básica inclúese unha disposición adicional para a adecuación do réxime e das condicións retributivas do persoal ao servizo do sector público autonómico ao establecido nesa normativa. Ademais, determínase a consideración das retribucións adicionais ao complemento de destino previstas na alínea 4 da disposición transitoria oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.