Instrucións para a avaliación final de Educación SECUNDARIA OBRIGATORIA


03 Mai, 2019

DOGRESOLUCIÓN do 16 de abril de 2019, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación final de educación secundaria obrigatoria nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso escolar 2018/19.

Esta avaliación terá carácter mostral. Aplicarase ao alumnado matriculado no curso escolar 2018/19 en cuarto curso de educación secundaria obrigatoria nos centros docentes seleccionados para formar a mostra.

Valorará o grao de adquisición da competencia matemática, da competencia lingüística e da competencia social e cívica, tendo como referencia principal as materias xerais do bloque de materias troncais cursadas en cuarto curso de educación secundaria obrigatoria.

Os referentes para a valoración do grao de adquisición das devanditas competencias serán os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe avaliables de cuarto curso de educación secundaria obrigatoria recollidos nos anexos I e III do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia. 

As materias de Lingua Castelá e Literatura, Lingua Galega e Literatura e Primeira Lingua Estranxeira, serán a referencia principal para a determinación do grao de adquisición da competencia lingüística; as materias de Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Académicas e Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Aplicadas serán a referencia principal para a determinación do grao de adquisición da competencia matemática, e a materia de Xeografía e Historia será a referencia principal para a determinación do grao de adquisición da competencia social e cívica.

Os estándares de aprendizaxe utilizados nas probas da avaliación final de educación secundaria obrigatoria seleccionaranse entre os enumerados na matriz de especificacións da materia correspondente, incluída no anexo I da Orde ECD/65/2018. Os estándares de aprendizaxe utilizados na proba de Lingua Galega e Literatura seleccionaranse entre os enumerados na matriz de especificacións do anexo desta resolución.

A aplicación das probas realizarase os días 28 e 29 de maio de 2019

Elaborarase un informe en que se reflectirán os resultados obtidos, expresándoos en seis niveis de desenvolvemento competencial, que se nomearán do nivel 1 ao 6. Os resultados poñeranse en coñecemento da comunidade educativa mediante un resumo dos indicadores recollidos no anexo III da Orde ECD/65/2018, do 29 de xaneiro, considerando os factores socioeconómicos e socioculturais do contexto.

Os centros docentes obterán un informe de centro que incluirá os indicadores recollidos no anexo III da Orde ECD/65/2018.

A Administración educativa, a través da Inspección educativa, requirirá dunha mostra significativa de centros docentes os materiais das probas da avaliación, co fin de realizar unha segunda corrección que contribúa ao control da calidade do proceso.

Corresponde á Inspección educativa supervisar e velar polo correcto desenvolvemento da avaliación nos centros docentes do seu ámbito e participar na corrección de contraste.