Informe PISA

Volver

Galicia Dec 07, 2016

Mércores 07/12/2016   NOTA DE PRENSA          SECRETARÍA COMUNICACIÓN  ANPE-GALICIA resalta unha vez mais o labor do profesorado galego que coloca ao seu alumnado como a quinta autonomía con mellores resultados na mostra presentada por PISA. Despois do mediatizado debate dos deberes escolares, os pais do noso alumnado poden confiar na profesionalidade dos docentes galegos, como sempre insistimos dende ANPE.          O informe PISA 2015 pon á Educación en España na media dos países dos OCDE, melloramos significativamente en comprensión lectora ainda que nos estancamos en matemáticas e ciencias.          A mostra inclúe máis de 37.000 alumnos e participan por primeira vez todas as Comunidades Autónomas con datos propios. É verdade que esta mellora vén condicionada por un lixeiro incremento na porcentaxe global á vez que se produce un descenso da media, o que nos permite subir respecto ao resto dos países. Con todo, temos que destacar a importante brecha entre as Comunidades Autónomas, algunhas ofrecen uns resultados moi por encima da media como Castela e León con 522 e Madrid con 520. Tamén destacan Navarra con 514, Galicia con 509 e Aragón con 506. Alén da escala atópanse Estremadura con 475, Andalucía con 479 ou as Canarias con 483 por baixo da media.          Esta desigualdade territorial é unha das moitas claves que demostran o erro que supón magnificar os informes PISA posto que se trata dunha proba baseada nunha mostra exigua da poboación escolar e debe interpretarse como o que é: un diagnóstico para establecer propostas de mellora. A situación do sistema educativo español mídese mellor con outros estándares máis obxectivos, por exemplo, os índices de fracaso e abandono escolar.          O informe móstranos tamén que os países que apostaron por mellorar a situación do profesorado e o seu recoñecemento laboral e profesional obtiveron os mellores resultados. Por exemplo, países como Portugal que hai anos estaba nos últimos lugares e que nestes anos desenvolveu a carreira docente, mellorou significativamente os seus resultados.          Pola súa banda, os docentes españois están a facer este esforzo de maneira voluntaria e sen un recoñecemento profesional e económico posto que non existe no noso país unha carreira docente. Aínda así, a profesionalidade dos docentes e o seu traballo día a día nas aulas, salvan as deficiencias do sistema educativo e son o principal factor da mellora destes resultados.          Por iso, en España é ineludible mellorar a profesión docente, buscando un sistema de selección, formación e recoñecemento acorde aos países que o puxeron en marcha hai anos e son os que mellores resultados obtiveron no informe. Os países mellor situados no informe PISA dedican unha atención prioritaria á educación nos seus Orzamentos, e establecen medidas para dignificar o labor docente.  ANPE reafírmase en que é imprescindible:          Un Pacto de Estado que vertebre o sistema educativo de maneira que se eviten as enormes desigualdades entre comunidades autónomas.          Elaborar unha Lei de financiamento do ensino. O aumento do gasto público destinado á educación ata polo menos un 6%. Os recortes orzamentarios nos últimos anos reduciron o gasto educativo ata un 4,4% actual, o que nos afasta cada vez máis dos países da UE.          Abordar a situación do profesorado e o seu desenvolvemento profesional que pasa por negociar de maneira inmediata o Estatuto Docente.          Apostar decididamente pola calidade do ensino público, que precisa dos maiores medios e recursos porque garante o principio de igualdade de oportunidades e de cohesión social.          SECRETARÍA COMUNICACIÓN Santiago de Compostela 6 de decembro de 2016  

historico


#Acción sindical #Notas de Prensa

Volver