Estrutura orgánica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.


16 Nov, 2018

DOGDECRETO 138/2018, do 8 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional é o departamento da Xunta de Galicia a que lle corresponden as competencias e funcións en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades; o ensino da lingua galega no sistema educativo regrado; a coordinación do sistema universitario; o recoñecemento, tutela e rexistro das fundacións de interese galego de carácter educativo; as competencias e funcións que lle atribúe o Decreto 268/2000, do 2 de novembro, polo que se crea o Museo Pedagóxico de Galicia, e o Decreto 214/2003, do 20 de marzo, polo que se modifica o Decreto 110/1999, do 8 de abril, polo que se crea e se regula o Consello Galego de Formación Profesional. Todo iso de conformidade co establecido na Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía de Galicia, nas leis orgánicas reguladoras do sistema educativo español e na demais normativa que sexa de aplicación.

Artigo 2. Estrutura da Consellería

1. A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, para o exercicio das súas competencias e o cumprimento dos seus fins, baixo a superior dirección do/da seu/súa titular, estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

a) O/a conselleiro/a.

b) A Secretaría Xeral Técnica.

c) A Secretaría Xeral de Universidades.

d) A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

e) A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

2. Queda adscrita a esta consellería, sen prexuízo da súa personalidade xurídica propia, a seguinte entidade pública instrumental:

a) O Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

3. Así mesmo, están adscritos a esta Consellería, co carácter, misión e funcións establecidos nas súas respectivas normas reguladoras, os órganos colexiados seguintes:

– A nivel central:

a) O Consello Escolar de Galicia, creado pola Lei 3/1986, do 18 de decembro.

b) O Consello Galego de Universidades, creado pola Lei 2/2003, do 22 de maio.

c) O Consello para a Coordinación da Docencia Clínica en Galicia creado polo Decreto 104/2011, do 11 de maio.

d) O Consello Galego de Formación Profesional, creado polo Decreto 110/1999, do 8 de abril, modificado polo Decreto 214/2003, do 20 de marzo.

e) O Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia, creado polo Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro.

f) A Xunta Autonómica de Directores de Centros de Ensino non Universitarios, creada pola Orde do 11 de novembro de 1999.

g) O Comité de Seguridade da Información, creado pola Orde do 30 de xuño de 2017.

– A nivel territorial:

a) As xuntas provinciais de directores de centros de ensino non universitario, creadas pola Orde do 10 de decembro de 1997.