ANPE solicita na videconferencia NON voltar as aulas ata setembro


13 Mai, 2020

NPANPE esixe, na videoconferencia coa Conselleira, instruciónsclaras e detalladas sobre o que resta de curso escolar e a esixencia ao Ministerio dunhas normas de desescaladacomúns a todo o Estado. 

ANPE presentou na mesma unha serie de peticións e propostas solicitando tamén aclaracións ás múltiples dúbidas que o profesorado nos trasladou e esixindo un PROTOCOLO DE ACTUACIÓN CONSENSUADO para o regreso ás aulas, que non debería ser, en ningún caso, antes do inicio do novo curso. 

Trasladamos a nosa preocupación de que mañá, xoves 14 de maio continúe sen imperar o sentido común na reunión da Conferencia Sectorial de Educación entre o MEFP e as CCAA e que se impoñerá a ocorrencia do retorno dos alumnos ás aulas o 25 de maio en pleno estado de alarma, a pesar das reiteradas chamadas desde o Goberno de España a manter o distanciamento social e o uso de máscaras e hixiene de mans, como principais medidas para evitar o contaxio. 

Incongruentemente, a administración educativa sopesa seriamente graduar a volta ás aulas a partir do día 25 de maio en Infantil, Educación Especial, 4º da ESO, 2º de Bacharelato e último curso de FP. Sorprende especialmente que se propoña a incorporación dos alumnos de Infantil e de Educación Especial, os que menos autonomía persoal teñen e cos que resulta de todo punto imposible manter as condicións de sanidade, hixiene e de distancia social que require a pandemia covid19. 

E todo iso sorprende máis, se cabe, se temos en conta que non se está tendo en consideración a opinión das autoridades sanitarias ou que nin sequera se pronunciou o Comité de Seguridade Laboral da Xunta de Galicia. A verdade quedou ao descuberto: a preocupación non é a educación, o obxectivo non é asegurar a formación destes alumn@s, senón favorecer a conciliación laboral das familias. Pero nin a escola é un aparcadoiro de alumn@s nin os docentes son coidadores. Para ANPE, as solucións asistenciais para favorecer a conciliación hai que traballalas desde outras institucións e con outros profesionais. 

Para ANPE non ten ningún sentido esta exposición gratuíta ao virus, en plena prórroga do estado de alarma, as clases lectivas nunca se interromperon, o curso non foi suspendido, o calendario escolar continuou, alumnos e docentes traballaron desde o peche dos centros na modalidade de ensino a distancia. Modalidade que foi habilitada con gran esforzo polo profesorado en moi pouco tempo, cos seus propios recursos materiais computador, tablet, conexión ADSL, móbil… e contidos curriculares, salvando a marcha do curso escolar. Un xesto de compromiso e solidaridade que a sociedade soubo apreciar. Fai unhas semanas se lles  pide adaptación das programacións para rematar este curso e agora, dende as administracións educativas preténdese que se regrese as aulas e se combine o traballo presencial e telemático o que poría aos claustros nunha situación imposible  A desafección e o fartazgo do profesorado polo trato que está a recibir non facilitará un adecuado final de curso nin, o que é máis preocupante, augura un bo inicio do seguinte.

Son moitas as voces que se levantan xa rexeitando volver poñer os seus recursos persoais, pagados do seu peto, ao servizo dunha administración que ningunea o seu esforzo. Se no outono hai un rebrote e un novo confinamento, o sistema educativo cae porque carece de recursos. E nin o Ministerio nin a Consellería teñen un Plan B.

Para ANPE, o único criterio que ten que guiar as decisións sobre o retorno ás aulas é o SANITARIO. Ese foi o criterio utilizado, por exemplo, para suspender as oposicións e  agora optouse, pola contra, por aparentar unha situación de normalidade inexistente. 

O escenario no que se debería estar a traballar debería ser na planificación do curso 20-21 co retorno ás clases en setembro. E para iso, necesítanse instrucións claras e precisas, un ambicioso plan de formación para o profesorado que non houbo, e un protocolo de cumprimento obrigatorio e rigoroso para garantir as condicións de seguridade e saúde de tod@s.

Non cabe lavarse as mans e cargar a responsabilidade sobre os equipos directivos, empezando pola limpeza e desinfección dos centros, a compra do material de protección persoal (máscaras, xeles, luvas, etc), a organización de espazos para as entradas e saídas e o respecto da distancia de seguridade (unha tarefa moi complexa dadas as características de habitabilidade de accesos, aulas, corredores, bibliotecas, vestiarios, laboratorios, talleres, comedor, transporte ou ximnasio) e a potestade de organizar a xornada laboral dos traballadores. 

Para rematar, desde as institucións hai constantes chamadas a manter a distancia social, alertando dun posible rebrote da pandemia polos comportamentos sociais que se están a ver nos primeiros días de desescalada. Os centros educativos non son illas nin arcas de Noé, ocorrerá o mesmo que nas rúa e nas terrazas? Segundo alertou onte a OMS «non se sabe con exactitude a transmisión e a gravidade do coronavirus nos menores pero, o goberno xa adiantou que aumentaron o número de casos dende o desconfinamento.» 

 

                                                                                                                    Santiago de Compostela, 13 de maio de 2020.