ANPE GALICIA trala reunión co Comité de Prevención de Riscos Laborais


22 Mai, 2020

WEB  NOTA DE PRENSA DE ANPE GALICIA TRALA REUNIÓN DO COMITÉ DE PREVENCIÓN DE RISCOS

 

Na reunión do Comité de Prevención de Riscos Laborais da Consellería de Educación, celebrada por videoconferencia na mañá de hoxe, venres 22 de maio, ANPE Galicia insiste en considerar o protocolo presentado como inviable, ambigüo e inaplicable e na non necesidade de retomar o ensino presencial cando o curso escolar está a piques de rematar e o ensino telemático está a cubrir todas as necesidades educativas actuais.

Tendo en conta o anterior, ANPE Galicia considera que de aquí ao comezo do vindeiro curso escolar se debe elaborar un protocolo máis preciso e rigoroso que sexa de obrigado cumprimento para todos os centros educativos e que non derive responsabilidades nos equipos directivos que deberían ser asumidas pola Administración Educativa.

En tanto en canto a Administración Educativa mantén a súa decisión de retomar as actividades lectivas presenciais o vindeiro luns 25 de xeito totalmente apresurado e improvisado, desde ANPE Galicia queremos resaltar as seguintes consideracións ao documento presentado:

  1. ANPE Galicia insiste na necesidade de facer test PCR para todo o profesorado, empezando polo que se incorpora o luns e continuar no verán co resto.
  2. Consideramos que a Administración educativa debe asumir as súas competencias e non derivar responsabilidades nos equipos directivos entre outras, a compra de material de protección (en concreto no protocolo se recollen oito) fronte a 1 (mascarillas) que envía a Consellería. A Consellería debe dotar de todo o material de protección aos centros educativos.
  3. O profesorado encadrado en grupos especialmente vulnerables debería estar dispensado da obriga de retomar a actividade lectiva presencial. De non atender a nosa petición, deberíanse simplificar os trámites para a solicitude de dispensa deste tipo de profesorado e non sobrecargar con máis burocraciaaos equipos directivos dos centros.
  4. En aras da conciliación, para ANPE Galicia debería estar dispensado da obriga de retomar a actividade lectiva presencial todo o profesorado que teña fillos/as menores de ata 14 anos.
  5. Deben cubrirse todas as substitucións do profesorado.
  6. Debe dotarse aos centros educativos de máis persoal de limpeza para poder cumprir o recollido no Protocolo en relación á limpeza das instalacións dos centros educativos porque coas actuais plantillas é INVIABLE e recordamos que a limpeza e desinfeccións é fundamental na loita contra o COVID-19
  7. Solicitamos a incorporación ao Protocolo dun Anexo IV que xustifique os desprazamentos daquel profesorado que teña que realizar movementos interprovinciais desde o seu domicilio para incorporarse ao seu posto de traballo.

                                                                                           Santiago de Compostela, 22 de maio de 2020.